O Concello da Coruña intervén a planta de Nostián

O Concello da Coruña dá tres días a Albada para que retire o ERTE e acceda a tratar os residuos do Consorcio das Mariñas. 
Planta de residuos de Nostián, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Planta de residuos de Nostián.

A planta de tratamento de residuos urbanos de Nostián pasará de forma temporal ao Concello da Coruña, o seu propietario. Así o decidiu esta terza feira a Xunta de Goberno Local nunha xuntanza  extraordinaria e urxente na que acordaron dar un prazo de tres días antes de facer firme o acordo á empresa concesionaria, Albada, para que retire o Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que afecta ao cadro de persoal das instalacións. 

A proposta municipal contempla unha “intervención temporal” das instalacións “que consistirá na substitución das facultades empresariais de dirección da explotación do servizo que presta Albada” co fin de “garantir a continuidade do servizo no que respecta ao cumprimento dos reiterados requirimentos recibidos pola concesionaria”, e levaría consigo o nomeamento dun interventor técnico “que substituirá plena ou parcialmente os elementos directivos da empresa”. Seguindo as recomendacións da asesoría legal, o prazo de intervención non superaría os oito meses.

No caso de que Albada non presente alegacións contra esta decisión ou mude de parecer, o Goberno da socialista Inés Rei ordenará a intervención da planta, que  garantiría o mantemento do servizo aos concellos do Consorcio das Mariñas, aos que Albada ameazou con deixar de recoller o lixo a partir do vindeiro 1 de xaneiro e, por conseguinte, non chegaría a aplicar o ERTE previsto para  compensar a baixada da actividade como consecuencia desta decisión.  

Tres posíbeis crises

En rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, Inés Rei asegurou que toma esta decisión co fin de garantir os postos de traballo e a xestión deste servizo. “Trátase con este acordo de evitar tres crises ás que nos podía abocar a situación xerada: unha crise ambiental, que podería provocar desaxustes graves na recollida do lixo nunhas datas sensíbeis como as do Nadal, ademais dos posíbeis problemas ecolóxicos e monetarios cos rexeitamentos; unha crise económica, posto que está en perigo a viabilidade da planta; e unha crise laboral, xa que se perderían 40 postos de traballo”.

Segundo apuntan os servizos xurídicos municipais, a intervención temporal da planta de Nostián está motivada por incorrer Albada nunha infracción de carácter grave ao pór en perigo a boa prestación do servizo público, incluída a desobediencia a ordes de modificación. Este feito permítelle á Administración declarar en secuestro a concesión, co fin de asegurar aquel provisionalmente.

 A decisión unilateral de Albada de non cumprir as súas obrigacións co Consorcio das Mariñas “supón na práctica, ademais do incumprimento contractual, convencional e legal, a futura inviabilidade da propia planta”. Esta situación, segundo Rey, non pode ser permitida polo Concello, xa que supón que o 1 de xaneiro de 2020 a Planta de Nostián non poida funcionar, con imposibilidade de prestación do servizo. “O dano ao interese público e especificamente á salubridade e seguridade cidadá e máis aínda na época do Nadal é evidente”, concluiu.

Do lado das traballadoras

Con esta medida, a alcaldesa dá resposta ás peticións das traballadoras e traballadores da concesionaria. De feito, cando Albada deu a coñecer a súa decisión de presentar un ERTE para 39 traballadoras e unha modificación sustancial das condicións de traballo para outras 35 que non estaban afectadas pola regulación ─un movemento que desde o comité de empresa cualificaron de “ataque ao emprego e aos dereitos laborais”─, as propias traballadoras reclamaron ao Concello que se puxese á fronte deste conflito e procedese ao rescate “inmediato e transitorio” da concesión para evitar que o 1 de xaneiro Albada executase o seu programa. 

Xunto a esta esixencia e como medida de presión adicional, o comité da planta de residuos coruñesa decidiu convocar unha folga indefinida que manteñen desde o pasado 8 de decembro. A decisión das representantes das traballadoras viña acompañada dun calendario de mobilizacións na praza de María Pita da vila herculina para esixir a implicación do Concello e que, á vista dos resultados, parece que deron os seus froitos. 

Comentarios