A compravenda de vivendas sobe na Galiza seis puntos por baixo da media estatal

En xullo rexistráronse 1.800 operacións, o que representa un crecemento de 2,1% en comparanza co mesmo mes de 2021.
Bloque de vivendas en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vivendas en Compostela. (Foto: Nós Diario)

A compravenda de vivendas subiu 2,1% o pasado mes de xullo na Galiza, en relación ao mesmo mes de 2021, até sumar 1.800 operacións, segundo os datos publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Deste total, 1.740 eran vivendas libres, mentres que 60 eran protexidas. Ademais, 351 eran vivendas novas e 1.449, usadas.

No mes de xullo, o número de leiras transmitidas inscritas nos rexistros de propiedade en Galicia alcanzou os 8.412, un 3,4% menos que no sétimo mes do ano pasado. Destas, 2.199 eran leiras rústicas; 3.272, vivendas; 201, solares, e 2.740, outras leiras urbanas.

Así, 1.800 das vivendas transmitidas foron por compravenda, mentres que 16 foron doazóns, 6 foron permuta, 699 foron herdanza e 751 outro tipo de transmisión.

Datos estatais

A nivel estatal, a compravenda de vivendas subiu 8% en xullo, con 53.720 operacións, a súa maior cifra nun mes de xullo desde 2007, cando se superaron as 63.700 compravendas, sempre segundo os datos do INE.

Co avance interanual de xullo, a compravenda de vivendas encadea 17 meses consecutivos de taxas positivas. No entanto, o crecemento das operacións moderouse en case 11 puntos respecto ao repunte interanual de xuño, cando as compravendas de vivenda aumentaron 18,8%.

O crecemento interanual da compravenda de vivendas en xullo foi consecuencia exclusivamente das operacións sobre vivendas usadas, que creceron 10,4%, até as 44.691 operacións, xa que a compravenda de pisos novos retrocedeu 2,5% en comparación con xullo do ano pasado, até as 9.029 transaccións.

O 92,1% das vivendas transmitidas por compravenda no sétimo mes do ano foron vivendas libres e o 7,9%, protexidas. A compravenda de vivendas libres subiu un 8,3% interanual en xullo, até as 49.484 operacións, mentres que a de protexidas avanzou un 5%, sumando en total 4.236 operacións.

En termos mensuais —xullo sobre xuño—, a compravenda de vivendas diminuíu 7,4%, o seu maior descenso nun mes de xullo dos últimos cinco anos. Nos sete primeiros meses do ano, a compravenda de vivendas aumentou 20,8%, con avances de 23,7% no caso das vivendas de segunda man e de 9,1% nas vivendas novas.

Comentarios