A compravenda de vivendas cae 1,3% na Galiza e medra 24,4% no Estado

Segundo os datos actualizados esta quinta feira polo INE, a compravenda total descendeu 1,3 puntos porcentuais en novembro de 2021 tomando como referencia o mesmo mes de 2020, mentres no conxunto do Estado subiu 24,4 puntos.
A escasa oferta de vivendas pódese ver prexudicada pola falla de man de obra e os problemas de subministración de materiais. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A compravenda de vivendas de nova construción perde peso na Galiza (Foto: Alberto Ortega/Europa Press).

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou na mañá desta quinta feira os datos actualizados da serie histórica que analiza os movementos no mercado inmobiliario, con rexistros até novembro de 2021.

Desta información despréndese que a compravenda de vivendas experimentou no citado mes unha caída de 1,3% en comparanza co mesmo período de 2020, con 1.638 operacións fronte ás 1.660 rexistradas no ano precedente. No conxunto do Estado, pola contra, a compravenda subiu 24,4%, pasando de 40.119 a 49.895.

Do total de vivendas vendidas, só 21,9% (360) eran de nova construción, fronte a 78,1% que eran de segunda man (1.278).

No que atinxe ao réxime das vivendas, a práctica totalidade (1.600; 97,7%) eran libres, fronte a 38 que gozaban de protección oficial (2,3%).

Na comparativa intermensual a compravenda tamén minguou no conxunto do país, pasando das 1.668 operacións de outubro de 2021 ás 1.638 de novembro (-1,8%).

Maior peso das herdanzas

A respecto das vivendas transmitidas por herdanza, en novembro do pasado ano foron 26,5% das totais (889 de 3.355, incluíndo 1.638 compravendas, 39 doazóns, nove dereitos de permuta e 780 por outras causas, alén das vivendas herdadas), unha porcentaxe considerabelmente superior á da media do Estado español, 20,1%.

En novembro de 2020 as vivendas herdadas na Galiza supuxeran 25,1% das transmisións totais.

Comentarios