O complexo agrogandeiro galego contra as cordas

O gasóleo especial agrícola incrementou o seu prezo un 88,66% desde febreiro de 2021.

Explotación láctea galega (Foto: Europa Press). #gandaría #leite #sectorlácteo #vacas
photo_camera As explotacións gandeiras en extensivo resisten mellor a crise actual.(Foto:Europa Press)

O complexo gandeiro galego enfronta unha tormenta perfecta. Mentres a cooperativa Xallas vese obrigada a parar a fabricación de penso por falla de subministros, as organizacións agrarias demandan medidas urxentes  ás Administracións para frear a suba dos prezos. Os custos de produción afogan as granxas.

O sector agrario galego vive unha situación excepcional. Malia que a Galiza pasou de contar con arredor de 70.000 granxas de leite á volta de 1995 a 6.443 explotacións na actualidade, practicamente 91% menos, os últimos datos ofrecidos polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sinalan que a súa produción láctea representa máis de 41% do total do Estado español.

Porén, o que se produce na Galiza é o leite peor pagado do conxunto estatal, cun prezo medio do litro en 2021 de 0,342 céntimos, liderando os prezos Andalucía con 0,373 e Asturias con 0,372 céntimos por litro, precisamente pola existencia dun movemento de base cooperativo con peso no sector da transformación e da comercialización, do que é un exemplo claro a Central Leiteira Asturiana.

A suba dos insumos

O aumento do custo dos insumos cuestiona a viabilidade de boa parte das explotacións. A este respecto, resulta moi significativo o incremento do prezo dos fertilizantes químicos, en cuxa produción se empregan grandes cantidades de gas natural para a fabricación de amoníaco. Neste sentido, destaca a suba da urea, cun aumento anual de 219,40%; do cloruro de potasio, cun aumento anual de 9,10%; e do fosfato, cun incremento nos últimos 12 meses de 103,70%.

Oscar Pose, voceiro de Unións Agrarias, sinala a Nós Diario que "Rusia estaría xa instando os produtores de fertilizantes dese país a deter as exportacións, unha medida que podería facer que os prezos mundiais dos fertilizantes se disparen aínda máis".

O incremento dos prezos dos diferentes cereais utilizados para a alimentación animal marca rexistros históricos. Así, o millo, que representa a terceira parte dos grans utilizados na fabricación de pensos, cotizou a 305 euros a tonelada no mes de febreiro, 72 euros máis que hai un ano, cunha suba de 30,90% en relación co pasado exercicio. O responsábel do vacún da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, afirma a Nós Diario que "40% do millo que chega á Galiza provén de Ucraína", porén indica que "o problema vén de lonxe e amosa as consecuencias da dependencia exterior para alimentar o noso gando". "Encarécese o millo e quedas colgado. Se as explotacións galegas contasen con máis base territorial producindo forraxe para o gando, situacións como as actuais afectarían moito menos", conclúe.

Combustíbel e luz

A situación repítese cos gastos de combustíbel e de electricidade. O gasóleo especial agrícola subiu desde febreiro de 2021 un 88,66%, correspondéndose 41,33% dese incremento aos meses de xaneiro e febreiro de 2022. A electricidade medrou no último ano 86,6%, destacando o seu impacto nas explotacións intensivas de vacún e nas granxas de cría de polos, coellos ou porcos.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, defende, en declaracións a Nós Diario, que " a situación actual evidencia a necesidade de camiñar cara á soberanía alimentaria" e responsabiliza da suba dos prezos a especulación "xa que o prezo do cereal fíxase en bolsa e ao final depende do mercado de futuros". As organizacións sindicais agrarias reclaman das Administracións medidas urxentes. Neste sentido, Pose alerta do "fechamento de explotacións" e demanda alternativas para "o encarecemento dos custos de produción". Somoza considera "a situación insostíbel" e adianta unha mobilización do seu sindicato "contra a suba dos custos de produción" para o 18 de marzo en Lugo. Por último, Vilalba denuncia que "o Goberno galego está desaparecido e o presidente da Xunta de campaña mentres soben os prezos".

Comentarios