As reformas na UE e a OMC que ameazan a competitividade da frota artesanal

As novas taxas supoñen unha traba para os barcos que pescan no litoral.
Unha embarcación da frota artesanal navegando nas augas fronte á dársena da Mariña, na cidade da Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Unha embarcación da frota artesanal navegando nas augas fronte á dársena da Mariña, na cidade da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press).

A Organización Mundial de Comercio (OMC) e a Unión europea (UE) propuxeron unha reforma dos impostos sobre os carburantes que pagan as frotas pesqueiras. Neste contexto, no artigo científico Implicacións das reformas dos impostos aos carburantes da OMC e da UE para a frota europea: consecuencias, efectos secundarios e enfoques alternativos desde unha análise 'input-output' da frota galega, un equipo investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) formado por Gonzalo Rodríguez, Eduardo Sánchez Llamas, Helena Martínez Cabrera e Hugo M. Ballesteros, analiza as consecuencias que terían estas mudanzas impositivas no sector.

No caso dos cambios que introduce a UE, hai unha moratoria da norma de tres anos para a pesca, polo que tras este período podería entrar en vigor a nova tributación. "Isto tería unhas consecuencias importantes para as frotas costeiras, que son quen pagarían este imposto, xa que as demais se abastecerían en altura, onde os Estados non teñen capacidade para recadar, ou en paraísos fiscais como Jersey ou Xibraltar", salienta Gonzalo Rodríguez, un dos autores, en declaracións a Nós Diario.

Pola súa parte, as mudanzas nos impostos propostas pola OMC xa están aprobadas, mais deben ser ratificadas aínda por todos os Estados. Esta normativa "pretende ademais eliminar toda clase de subvencións ás frotas, o cal inclúe tamén a construción de buques con novas tecnoloxías, algo que non acontece en outros sectores da economía", segundo Rodríguez.

"Unha implementación de novas tecnoloxías que xa é complicada de por si, especialmente para os barcos pequenos, pois cambiar a outro tipo de motores, por exemplo de hidróxeno, implica unhas dimensións até catro veces máis grandes", acrecenta.

Competencia para recadar impostos até as 12 millas

A base da problemática destes novos impostos reside en que os Estados non teñen competencias fiscais fóra das 12 millas náuticas de mar territorial. "Isto no ámbito da pesca quere dicir que a frota artesanal ten que pagar os impostos adicionais, mentres que as frotas que pescan en altura poden eludir os tributos. Deste modo refórzase a competitividade da frota industrial fronte á que traballa perto do litoral. Xusto ao contrario dos supostos obxectivos deste tipo de normas, posto que non se penalizan as embarcacións máis intensivas en uso de enerxía, senón ao contrario", conclúe o economista.

Un novo castigo para as artes máis selectivas

"Estas reformas castigan as artes máis selectivas, especialmente o palangre de fondo, que leva todos os paus da Unión Europea. O custo da selección para o palangre vén derivado da obriga de comprar cebo, o que comprime a súa rendibilidade, polo que un gasto adicional supón un sacrificio moito máis elevado para estes buques que para outro tipo de embarcacións", explica.

"Son unhas normas que producen incentivos para unha suposta transición enerxética para a que non hai tecnoloxías viábeis no caso da pesca", engade. "Trátase dunha carga adicional sen producir supostos beneficios", conclúe Rodríguez.

"É asombroso que non se desen conta de algo tan elemental"

Segundo o economista Gonzalo Rodríguez, as da OMC e da UE son "moi malas reformas". "É asombroso que equipos de persoas expertas que levan tanto tempo traballando nestas decisións non se desen conta de algo tan elemental como que isto recaería sobre a frota a artesanal", censura o autor do estudo. No caso da OMC, di, "é probábel que tivesen ganas de anotarse algún acordo despois de anos sen lograr pactos, e pagouno a pesca".

Comentarios