Competencia aclara dúbidas sobre a nova factura da luz

A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) lanza unha web onde aclara as dúbidas sobre o novo sistema de tarificación eléctrica que entra en vigor este 1 de xuño
Distribución horarias dos novos bloques de tarifas da enerxía (Fonte: CNMC).
photo_camera Distribución horarias dos novos bloques de tarifas da enerxía (Fonte: CNMC).

Os cambios sempre xeran dúbidas e desconfianzas, e nun ámbito tan sensíbel como o da enerxía, aínda máis. Por iso, ante a previsíbel avalancha de cuestións sobre a nova factura eléctrica, a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) vén de crear unha páxina web na que trata de dar resposta ás dúbidas das persoas consumidoras. 

Mañá está previsto que entre en vigor a nova estrutura de peaxes e cargos que afectará á factura eléctrica. Por iso, a CNMC habilitou na súa páxina web un espazo con contido didáctico que permite entender os cambios e aproveitar así os beneficios do novo sistema.

Entre as novidades principais, as consumidoras domésticas cunha potencia contratada até 15 kW, sempre que teñan un produto contratado coa súa comercializadora que manteña a estrutura das novas peaxes, pasan a ter prezos diferenciados por tramos horarios (punta/val/plano), tanto para a potencia como para o consumo.

Os novos períodos horarios deseñáronse co obxectivo de desprazar a demanda de electricidade a franxas do día onde a saturación da rede é menor, o que levará a un cambio de hábitos por parte da poboación.

Prezos o día anterior

Tamén co gallo de facilitar as cousas, o operador Rede Eléctrica anunciou hoxe que publicará cada día ás 20.15 horas os prezos horarios da electricidade do día seguinte adaptados á nova estrutura de cargos e peaxes e que se aplicarán sobre o termo enerxía da factura das persoas consumidoras acollidas ao Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor (PVPC).

En concreto, o PVPC na nova tarifa 2.0 TD substituirá as tres tarifas existentes (a tarifa por defecto, 2.0 A; a tarifa eficiencia dous períodos, 2.0  DHA, e a de vehículo eléctrico, 2.0  DHS) por unha única curva de prezos.

Esta divídese en tres períodos horarios nos que a aplicación de peaxes e cargos varía nunha maior contía (período punta), unha contía intermedia (período plano) e un último período, o val, que ocupará 53% das horas do ano e no que os custos regulados terán menor impacto.

Con esta nova tarifa e a información detallada dos prezos "faise partícipe de maneira directa ao consumidor en modular e planificar mellor o seu consumo de electricidade", apunta o operador Rede Eléctrica.

Comentarios