Galiza, terceiro territorio do Estado onde máis caeu o investimento en innovación

As empresas galegas reduciron o seu gasto en innovación 6% no último ano. Galiza é un dos cinco territorios no que o investimento nesta materia baixou en 2019, un dato que contrasta co crecemento de 3,8% rexistrado no conxunto do Estado español.
Proba de uso de exoesqueletos no Centro Tecnolóxico da Automoción da Galiza (Foto: CTAG).
photo_camera Proba de uso de exoesqueletos no Centro Tecnolóxico da Automoción da Galiza (Foto: CTAG).

A innovación segue a ser unha materia pendente na Galiza. Os sucesivos gobernos de Feixoo non foron quen de lograr que o investimento neste capítulo superase 1% do PIB, e moito menos achegarse ao obxectivo de 1,7% fixado polo Executivo galego para 2020.

Desa porcentaxe, as empresas achegan 0,5% do PIB (0,70% no conxunto do Estado español), e a cifra, lonxe de aumentar, diminúe. De feito, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), o sector privado galego gastou 760,2 millóns de euros en actividades innovadoras en 2019, o que supón 6,1% menos que o ano anterior e tan só 3,9% do total do gastado no conxunto estatal, onde, ao contrario da evolución galega, o investimento aumentou 3,8%.

Galiza sitúase así como o terceiro territorio onde máis descende o gasto en innovación (só Castela e León e Nafarroa presentan peores cifras) e un dos cinco nos que as taxas interanuais son negativas. De feito, a redución experimentada na Galiza restou dúas décimas ao crecemento do gasto estatal en actividades innovadoras, que sen as cifras galegas se tería situado en 4%.

Datos estatais

Segundo a Enquisa de Innovación nas Empresas do INE, no período 2017-2019 unha de cada catro empresas galegas foi innovadora (20,4%), un dato lixeiramente inferior á media (20,8). 

No conxunto do Estado español, o gasto en innovación alcanzou os 19.390 millóns de euros en 2019, cifra que representa 1,1% da cifra de negocios das empresas españolas.

Do total, 42,9% do gasto debeuse a I+D interna, mentres que 10,9% destinouse a I+D externa e 46,2% utilizouse para outras actividades innovadoras, entre elas enxeñaría e traballos creativos, márketing e valor de marca, formación dos empregados e desenvolvemento de software.

Por sectores, o gasto en actividades innovadoras das empresas da construción incrementouse un 55% en 2019, mentres que nas dos servizos subiu un 7,4% e nas agrícolas, un 2,3%. En cambio, descendeu un 0,9% no sector da industria.

No período 2016-2018, o sector de actividade que tivo maior porcentaxe de empresas innovadoras foi a industria (30,8%), seguido do sector servizos (19,2%), agricultura (16,4%) e a construción (12,8%).

A automoción manda

Boa parte da investigación privada na Galiza xira ao redor do sector da automoción, con Vigo e a súa contorna como epicentro. Alí aséntanse importantes centros de investigación como o Centro Tecnolóxico de Automoción da Galiza (CTAG) ou a Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (Aimen), que tamén traballa con empresas do sector naval.

A automoción é, xunto co téxtil, un dos sectores que tira da economía galega e, por ende, da innovación. O problema, segundo apuntan as persoas expertas do Foro Económico, que teñen analizada a evolución do investimento en I+D+i no país, radica precisamente no feito de que empresas galegas están especializadas en sectores maduros nos que a innovación non precisa tanto de investigación e desenvolvemento de novos produtos.

A isto habería que engadir a falla de incentivos por parte das Administracións para fomentar o xurdimento de proxectos innovadores, moitas veces 'atrapados' nos trámites administrativos ou na procura de financiamento para poder arriscar coas súas propostas. 

Tamén inflúe o reducido tamaño das empresas galegas, un dos elementos nos que os economistas levan anos insistindo cando falan da falla de competitividade da economía galega. O escaso tamaño das mesmas condiciona o esforzo investidor que estas poden facer en innovación.

A oportunidade dos fondos europeos 

Galiza ten ante si unha excelente oportunidade para darlle a volta a esta situación grazas aos fondos europeos para a reconstrución, os coñecidos como Next Generation UE

Aínda non se coñecen moitos dos 108 proxectos que a Xunta baralla presentar a esta convocatoria. Alude ao descoñecemento das bases da Comisión Europea para non facelos públicos. O que si se sabe é que entre eles hai innovacións en materia forestal e téxtil, cun proxecto de fibras vexetais, proxectos de hidróxeno verde, fertilizantes e biogás detrás dos que emerxen os nomes de moitas das grandes empresas asentadas no país. Haberá que ver se o retorno dos mesmos permitirá a Galiza achegarse ás porcentaxes de innovación tanto do Estado como da UE.

Comentarios