Como se construíu o imperio Inditex?

A de Amancio Ortega é a terceira fortuna do mundo: o índice Bloomsberg sitúa o seu patrimonio en 46.600 millóns de dólares, o equivalente a 38.000 millóns de euros. O empresario deu coa fórmula do éxito: roupa rápida, 15 días desde que se deseña até que está na tenda, barata e accesíbel, para chegar a todos os estratos sociais. É o que se chama produción just in time, producir para o consumo inmediato

25.000 modelos véndense cada ano nas súas tendas de Zara, Kiddy's Class, Pull and Bear, Massimo Dutti, Bershka, Stradivarius, Oysho ou Zara Home. Mais para poder manter este ritmo de produción, pasouse da fábrica do polígono de Sabón, en Arteixo, a obradoiros de confección ou particulares que cobraban a traballo feito.

Estes obradoiros de confección espalláronse rapidamente na década dos 90, empregando mulleres (o téxtil é un sector fortemente feminizado, nos chanzos máis baixos da produción) con salarios ínfimos, contratos precarios e horarios que se axustaban a esta demanda, o que significa períodos sen traballo e outros con horas extra.

Por outra banda, fóra desta rede de explotación dentro do país, Inditex tamén deslocalizou boa parte da súa produción: segundo datos da UNCTAD no 2009, Inditex tiña no 2009 case 600 proveedores en Europa, 480 en Asia, 94 en África e 51 en América. Albert Sales, membro da campaña Roupa Limpa de Setem, e Eloísa Piñeiro contan nun informe La moda española en Tánger que as traballadoras dos talleres de Tánxer, en Marrocos, onde Inditex fabrica o 10% da súa roupa, non teñen contrato e o seu salario é de menos de 100 euros mensuais. Tamén recentemente o goberno brasileiro denunciou obradoiros clandestinos de Inditex en São Paulo, onde eran escravizad@s emigrantes de Bolivia e Perú, traballando por débeda (pagando co seu traballo a viaxe ao Brasil e a súa mantenza alí).

Ademais, a empresa Zara Holding BV ten a súa sede na cidade holandesa de Breda, na vez de en Sabón (Arteixo), e ten varias filiais en diversos paraísos fiscais, afirma Julián Rodríguez no libro Señores de Galicia. E ademais do téxtil, o outro pé desta fortuna está no ladrillo: Zara ten tendas en lugares estratéxicos, e a empresa de Ortega Pontegadea ten algún dos mellores edificios de Europa: esas rendas supóñenlle unha recadación de 1.000 millóns de euros.

Comentarios