O comité de expertas da Xunta, que non conta con representantes das traballadoras, recomenda flexibilizar a xornada laboral

Deducións fiscais e bonificacións para empresas foron outras das propostas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reúnese co Comité de Expertos Económicos. Edificio Administratito de San Caetano, Santiago de Compostela, 04/05/20.
photo_camera O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reúnese co Comité de Expertos Económicos (Xunta)

A mediados do pasado mês de abril a Xunta preparaba o terreo para a saída dunha crise que vai ser especialmente profunda no económico. Para deseñar ese futuro, o presidente Alberto Núñez Feixoo encomendoulles a varias expertas a tarefa de consensuar solucións para que os efectos da pandemia de coronavirus afecten o menos posíbel á economía galega e ao seu tecido produtivo.

Nesa comisión de expertas deseñada polo Executivo galego non hai representación das traballadoras. Si que hai das empresas, xa que estiveron chamados a participar o Círculo de Empresarios de Galicia e a Asociación Galega da Empresa Familiar. A Xunta, pola súa banda, estará representada por diversas consellarías: Facenda; Economía, Emprego e Industria; Medio Rural, e Mar; As centrais sindicais da Galiza así como os clústers e as asociacións gremiais quedan fóra.

O Comité de Expertas Económicas da Galiza, en cuxa reunión participou esta segunda feira o presidente da Xunta, considera como “premisas irrenunciábeis” a introdución de “mecanismos de flexibilidade na xornada laboral”.

O conselleiro Francisco Conde, apuntou que “haberá que traballar entre sindicatos e a propia patronal para identificar puntos de encontro e ver como podemos adecuar a xornada laboral ás necesidades actuais desde o punto de vista empresarial”.

Aliás, e segundo informa a propia Xunta nun comunicado, as expertas tamén demandan bonificacións nas cotas á Seguridade Social e deducións fiscais .

Outra das demandas é a referida aos ERTEs,  avogando porque se desvincule o expediente de regulación temporal de emprego de forza maior do mantemento do actual estado de alarma. Tal e como apuntou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, despois da xuntanza, esta medida é necesaria para “dotar de seguridade xurídica e certeza aos propios empresarios e autónomos”.
 

Comentarios