O comité de empresa de Alcoa desconfía do Estatuto para as electrointensivas que prepara o Goberno español

Alcoa San Cibrao
photo_camera Alcoa San Cibrao

O presidente do comité de empresa da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo), José Antonio Zan, desconfía do Estatuto que prepara o Goberno español para as industrias electrointensivas, xa que "todo o que nos dixeron" até agora non lles dá a "certaza" para manter a "continuidade da empresa".

Zan advertiu esta sexta feira que é "moi importante que se visualice por parte de todos o que pasa na Mariña e en parte de Lugo", onde seguen "cun problema ao que non se lle dá solución por parte de quen ten que darlla" o Goberno español, "que é o que ten que lexislar".

Ao mesmo tempo manifestou que están "cansos de moitas promesas e ningún cumprimento". Agora atópase "á espera de que se publique o Estatuto e ver que contén", pero móstrase desconfiado sobre a eficacia desta medida para manter o traballo na empresa.

Por outra banda, o presidente do comité confirmou que esta sexta comezan cunha nova acción de protesta que consistirá en colocar "lazos azuis" en distintos puntos da Mariña. Nesta xornada comezan en Xove e despois en Cervo.

"Iremos aos puntos máis visíbeis e os lugares máis concorridos" da zona da Mariña, asegurou. Ao tempo recalcou que con esta protesta pretenden que "quede constancia" do "problema" ao que se enfrontan, "ao que non se lle deu solución".

Finalmente, sobre o próximo Consello de Ministros da terza feira, Zan descoñece se finalmente anunciarase o Estatuto e deixou caer que levan "tantos martes esperando, que un xa non espera nada".

"Estamos a desexar ter un papel sobre o que poder falar, medidas concretas, saber do noso futuro e cara a onde nos leva o Goberno", concluíu Zan.

Comentarios