O comité anticipa "unha semana dura" para Alcoa

O domingo remata o prazo de negociacións fixado por Alcoa e Liberty House para tratar de buscar unha saída de futuro á planta de aluminio primario de Cervo.
Traballador de Alcoa nunha manifestación (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Traballador de Alcoa nunha manifestación (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O próximo domingo remata o prazo das negociacións entre Alcoa e Liberty House para a venda da planta de aluminio primario de San Cibrao, no concello de Cervo, un feito que, segundo o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, fai prever que esta semana "será dura".

Con todo, e a pesar da "dureza" que vaticina para estes días, Zan manifestou que "ao final o proceso acabarase no último minuto". "Temos claro que vai ser unha semana forte e unha semana decisiva", subliñou, ao tempo que recoñeceu que a finais da semana pasada agardaban "mellores noticias, porque se meteron polo medio ─nas negociacións─ a Xunta da Galiza e o Goberno español para tentar mediar cunha oferta que fixeron por parte do Ministerio (de Industria) para Alcoa e para Liberty, sobre todo para Alcoa".

"Era algo bastante bo, pero Alcoa non entrou a valorar dita oferta, cousa que nos estrañou. Tamén se fixo unha oferta a Liberty na quinta feira e aínda non dixo se a acepta ou non lle vale", indicou.

Os traballadores da factoría mariñá confían que se poida continuar co proceso, tutelado pola Xunta e Goberno español, "dos que sabemos que temos o seu apoio", reafirmou Zan.

O representante dos traballadores non dubida de que ten que "darse a venda". "Temos que seguir producindo ao cento por cento e temos que ser os primeiros no Estado español en facer aluminio verde con enerxías renovábeis totalmente", abundou. "É un gran principio e unha forma nova de saír" da crise da Covid-19, argumenta Zan, por todo o que vai supoñer na comarca da Mariña a construción de parques eólicos, "unha iniciativa benvida", resaltou.

Mobilizacións

En canto ás mobilizacións, o presidente do comité de empresa avanzou que ao longo desta semana vaise "elevar a presión", xa cunha acción programada para hoxe que non queren desvelar. Estas mobilizacións abordaranse nunha reunión "extraordinaria" do comité de empresa.

"Seguiremos coas mobilizacións porque non só é deixar ver o problema, é que tamén Alcoa sinta a presión, porque cremos que está a actuar de mala fe, e leva lucrándose do Goberno español e da Xunta durante moitos anos. Non hai ningunha empresa en España que teña un porto en exclusiva para ela (o de Cervo)", sentenciou.

Comentarios