O Comité de Alu Ibérica confía no grupo de traballo e nos fondos da UE

A última reunión entre Goberno español, Xunta e Comité de empresa de Alu Ibérica remataba co anuncio dun grupo de traballo para buscar solucións ao futuro da planta. Desde a representación sindical poñen enriba da mesa a posibilidade de entrar nos fondos europeos Next Generation.
Xuntanza na Delegación do Goberno español na Coruña (M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Xuntanza na Delegación do Goberno español na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O anuncio realizado polo Goberno español, a Xunta e o comité de empresa de Alu Ibérica da constitución dun grupo conxunto de traballo coa intención de procurar solucións para o futuro da planta, tras reunirse a pasada quinta feira na Coruña, abre a porta á esperanza na continuidade da factoría. Esta "fronte común" foi moi ben recibida por todas as partes, comezando pola do seu cadro de persoal. 

O presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, confía en que nestas xuntanzas "se presenten proxectos en base ás nosas necesidades e complementalos con fondos que poden vir dos Next Generation".

López Corbacho considera que "dentro das dificultades sempre aparecen as oportunidades" e por esa razón a pandemia "é unha oportunidade a través deses fondos europeos" que se tería que aproveitar. "Hai que presentar unha proposta para a planta máis alá do conflito xurídico que hai", propón en declaracións a Nós Diario, "a nosa misión é darlle percorrido industrial á planta e manter o emprego industrial da comarca", engade. 

De cara á primeira xuntanza que terá lugar a vindeira cuarta feira 4 de agosto, sinala que "de entrada o grupo ten que avaliar a situación da planta para estabelecer os pasos a dar e a partir dese paso debería saír á venda".

Para que se faga cargo da factoría "un investidor do noso sector produtivo" este sindicalista cre que "a planta ten que ter unha condicións industriais apoiadas polas Administracións galega e española". 

A CIG urxe a intervención pública

Desde a CIG reiteran que "cómpren decisións políticas para materializar a intervención pública das plantas de aluminio da Coruña e Avilés, pois este é o único camiño para garantir realmente a continuidade industrial e os postos de traballo". Aseguran  nun comunicado que as últimas resolucións xudiciais "demostran a enorme fraude e o engano que significou a operación de venda que no seu momento fixo Alcoa ao fondo de investimentos Parter Capital e que contou coa aprobación e o aval do Goberno español, mais tamén do Goberno da Xunta de Galiza".

Con estes antecedentes a central nacionalista insiste en que "a solución definitiva para estas fábricas non está nos xulgados" senón "na intervención pública e despois, con tranquilidade, buscar un novo grupo que adquira as instalacións con todas as garantías de solvencia e viabilidade". 

A aparición do novo administrador xudicial

A remate da xuntanza desta quinta feira a ministra de Industria non deixou de comentar a súa alegría polo nomeamento dun novo administrador xudicial, que "dá tranquilidade para poder traballar no futuro", como afirmou aos medios de comunicación. Desde o comité de empresa tamén viron con bos ollos esta mudanza aínda que o seu presidente informara que polo de agora "dixeron que aínda non tomaría posesión e agardamos que non tarde moito en facelo".

En canto o faga o seu primeiro encargo será emitir un informe sobre a situación respecto da solvencia financeira real das compañías nun prazo de dous meses. A razón deste nomeamento é, segundo a xuíza, que as sociedades intervidas non dispoñen de procedementos formalizados e de controis internos que permitan dar "unha seguridade razoábel no exercicio das funcións de intervención xudicial" e ademais "incumpriran de forma reiterada os requirimentos de información realizados pola intervención xudicial".

Contraproposta de Alcoa por San Cibrao, Cervo

En relación á factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo), a multinacional mantivo onte unha reunión coa ministra de Industria, Reyes Maroto, segundo informan, "para propor solucións alternativas aos retos da planta de aluminio".

Nun comunicado  posterior á xuntanza, o Presidente de Alcoa,  Roy Harvey, explica que a súa proposta consiste, nun primeiro paso, na firma dun Memorando de Entendemento (MoU) antes do 15 de setembro de 2021 por parte da compañía, o Goberno español, a Xunta, os sindicatos e a representación do cadro de persoal, "garantindo a subministración de enerxía a un prezo que permita á planta ser competitiva a longo prazo".

Nel, a multinacional mantería as operacións da planta e non iniciaría o despedimento colectivo até o 31 de xullo de 2022, no caso de que o Tribunal Supremo fallase a favor de Alcoa antes desa data. "Este prazo empregaríase para abordar os problemas enerxéticos da planta de aluminio primario e obter un prezo de enerxía garantido", asegura a multinacional. Unha vez resolto o reto enerxético, Alcoa comprométese a realizar un novo proceso de venda directa.

Comentarios