O comité de Alcoa exixe un "pacto de Estado" para abaratar o prezo da enerxía

O presidente do comité afirma que é a única alternativa "para poder garantir o futuro dos traballadores".
Planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo) (Foto: Arxina).
photo_camera Planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo) (Foto: Arxina).

O comité de empresa da factoría de Alcoa-San Cibrao, no concello de Cervo, insistiu na necesidade de alcanzar un "pacto de Estado" no que estean incluídos o sector industrial e o das empresas eléctricas para abaratar a enerxía.

O presidente do comité, José Antonio Zan, explicou tamén que están á espera de que se concreten e autoricen os novos parques eólicos na zona da factoría, para os que a Xunta anunciou que facilitaría a tramitación, e cos que esperan que se reduza o prezo da enerxía.

Neste sentido, urxiu ao Goberno español e ao galego para que "informen desas reunións que van manter, para saber en que posición está cada parque e como están as licitacións".

O presidente do comité reivindicou ese "pacto de Estado" no que estea presente tamén "a industria e as enerxéticas", como única alternativa "para poder garantir o futuro dos traballadores". "Porque, se seguimos así (coas subidas da luz), esa garantía non a imos a ter", resolveu o representante sindical.

Incremento dos combustíbeis

En canto ao incremento dos combustíbeis e o encarecemento da enerxía, deixou claro que "o que máis" lles afecta é "o tema do gas, que está a ter un impacto moi forte na planta de alúmina".

Asemade, Zan aproveitou para adiantar que o 14 de xullo está convocada a mesa de seguimento do acordo polo que se pararon as cubas até 2024, e na que participan Goberno estatal, Xunta, empresa e sindicatos.

"Nesa reunión agardamos que se nos comunique como está o tema de Endesa e Capital Energy sobre a licitación dos parques eólicos", sinalou.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios