A comisión de Emprego e Asuntos Sociais do Europarlamento di non ao CETA

A EMPL insta o Parlamento europeo a que rexeite o tratado con Canadá, pendente de ser ratificado pola Eurocámara. Ve nel prexuízos para emprego, salarios e un factor de desigualdade social.

europarl
photo_camera Europarlamento

Por 27 votos a favor e 24 en contra, a comisión de Emprego e Asuntos Sociais do Parlamento europeo (EMPL) aprobou instar a Eurocámara a que rexeite o CETA con Canadá. No texto, solicítase á comisión de Comercio Internacional, “competente para o fondo”, que recomende o rexeitamento por parte do parlamento da decisión do Consello europeo dun acordo económico e comercial global, o CETA, entre Canadá, a Unión Europea e os estados membros.

Entre os argumentos expostos figura o impacto no traballo. Así, esta comisión fai referencia a estudos e investigacións que prognostican a destrución de postos de traballo e “un aumento do desemprego a longo prazo”. Tamén se refiren aos salarios, apontando que os dados empíricos mostran que o CETA axudaría a ensanchar e alargar a fenda salarial existente entre traballadores cualificados e non cualificados, o que levaría asociado un incremento da desigualdade e tensións sociais. Ademais, lembra a comisión, o acordo non contén apartados con medidas destinadas especificamente ás pequenas e medianas empresas, base do tecido económico e de emprego europeo.

Na actualidade hai perto de 21 millón de pemes na Unión Europea, o 93% das cales teñen menos de 10 persoas empregadas. Só 619.000 destas empresas exportan fóra da Unión Europea. No marco da liberalización que implicaría o CETA, as pemes ficarían expostas perante as trasnacionais estadounidenses, poñendo así en risco centos de miles de empregos.

O vindeiro 24 de xaneiro procederase a votar o acordo do CETA na INTA, a comisión de Comercio Internacional. A seguinte comisión en dar a súa opinión vai ser a de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Aklimentar (ENVI), o vindeiro 12 de decembro. 

Este acordo entre UE-Canadá está pendente de ser ratificado polo Parlamento europeo.

Comentarios