domingo 25/07/21

Comezan as présas en Alcoa para tratar de atar a venda antes da semana que vén

O comité de empresa exixe o Ministerio de Industria un borrador do que vai falar en Pittsburgh coa dirección de Alcoa 
O presidente do comité de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, atende os medios durante unha protesta o pasado mes en Lugo (Foto: Europa Press).
O presidente do comité de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, atende os medios durante unha protesta o pasado mes en Lugo (Foto: Europa Press).

En menos dunha semana, o vindeiro 19 de xullo, remata o prazo para que as empresas interesadas en facerse coa titularidade da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao (Cervo) presenten as súas ofertas. O Ministerio, a Xunta e o comité de empresa xa teñen coñecemento dalgunhas das propostas. Agora só falta encaixalas co que pide a multinacional norteamericana. 

Pasou xa máis de medio ano desde que Alcoa decidira retomar as conversas para a venda da planta. Desde entón, o Goberno español e a empresa foron pasándose a pelota sobre quen debería liderar as negociacións. Mentres que a firma con sede en Pittsburgh defendía que a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) debía levar as conversas, xa que ía a ser temporalmente a propietaria antes de cederlla a unha terceira compañía, o organismo público argumentaba que tiña que ser Alcoa a que estabelecese os criterios para a venda da planta.

Agora, xa case no tempo de desconto, o comité de empresa, o Ministerio de Industria e a Xunta da Galiza acordaron a pasada sexta feira levar unha postura común a Pittsburgh, onde está previsto que a ministra Reyes Maroto se reúna a próxima semana co conselleiro delegado de Alcoa, Roy Harvey, un vello coñecido en San Cibrao. 

Sen noticias de Industria

A reunión é cuestión de días pero, segundo denuncian desde o comité de empresa, de momento non teñen noticias de Industria. De feito, o seu presidente, José Antonio Zan, emprazou o Goberno español a que remita "o borrador do que queren facer" con respecto á venda da factoría de San Cibrao.

"Estamos a esperar a que nos envíen o borrador do que queren facer. Temos claro que agora mesmo hai dúas empresas coas que Alcoa podería chegar a un primeiro acordo e que nos faría avanzar", subliñou.

Esas dúas empresas das que fala Zan son as que aceptan a folla de condicións de Alcoa, moi semellante á negociada o pasado verán, cando a empresa estivo a piques de transferir a planta a Liberty House. Xunto a estas, habería outras dúas empresas interesadas que terían que "negociar algo máis", segundo apuntou o presidente do comité após a reunión da semana pasada.

Segundo Zan, Alcoa podería asinar "xa" con esas dúas empresas interesadas na planta de San Cibrao o acordo de venda, "e só falta saber se a SEPI vai apoiar esta venda ou que outro mecanismo hai que sirva para todos". "Se non o hai, terá que ser a SEPI a que faga a compra", insistiu.

Sen marxe para o fracaso

Neste senso, o representante dos traballadores da planta da Mariña insiste na necesidade de que Maroto acuda á reunión de Pittsburgh cunha postura común para que se poida chegar a un acordo definitivo para a venda da factoría de aluminio. 

Para os traballadores e traballadoras da planta, advertiu Zan, "sería un gran fracaso que a ministra fose a Pittsburgh reunirse co conselleiro delegado de Alcoa e non trouxese un acordo de venda, senón que decidise  continuar coas negociacións cos catro ou cinco compradores que hai enriba da mesa", concluíu.

comentarios