Comeza un novo capítulo do roubo dos cartos dos estafados polo calote das preferentes

O canxe das preferentes de NCG banco comezará en breve e prolongarase até finais de febreiro. Unhas semanas nas que @s estafad@s poderán recuperar o 60% do investido, pois o 40% rescate é a quita imposta por Bruxelas para pagar o custo do rescate da entidade.
Preferentes diante da Deputación de Pontevedra

O ministro de Economía, Luis de Guindos, anunciou no Congreso que o canxe de preferentes de Novagalicia Banco comezará de inmediato e prolongarase até finais de febreiro. Unhas semanas nos que os e as posuidoras destes activos poderán recuperar o 60% do que investiron, pois o 40% restante é a quita que impuxo Bruxelas. "Consúmase o roubo", alertan desde as plataformas de estafad@s.

Hai pola volta de 45.000 estafad@s no calote das preferentes e subordinadas en NCG. A metade acudiron á arbitraxe. E uns 13.000 non apostaron por esta vía, de aí que a canxe sexa case que a única alternativa que lles queda. O Fondo de Garantía Salarial convertirá en efectivo ese 60% do aforro que o cliente ten nas preferentes.

Mais desde as plataformas alertan de que se esté intentando dar a imaxe de que o problema das preferentes está solucionado. "É mentira. Exiximos que nos devolvan o 100%. Non pode ser que se permita este roubo e os gobernos non fagan nada", denuncian.

NCG deberá reducir os seus activos nun 60% até 2017. Unha data na que esta entidade nacionalizada ou ben terá que ser vendida ou ben proceder á súa liquidación ordenada. A folla de ruta imposta por Bruxelas contempla un forte recorte de plantel (2.500 traballadores e traballadoras) e impón fortes quitas aos titulares das preferentes, que serviría para reducir a factura das axudas do estado. E tamén terá que recortar á metade a rede de oficinas que ten esta entidade.

Comentarios