Comeza en Madrid a negociación polo futuro de Ence

O Concello de Pontevedra, a Xunta da Galiza e a empresa Ence reuniranse en Madrid convocados pola ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera. Sobre a mesa a situación da factoría de Lourizán e a Lei de Cambio Climático.
A fábrica de pasta de papel de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra (Foto: Nós Diario).
photo_camera A fábrica de pasta de papel de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra (Foto: Nós Diario).

O futuro das instalacións de Ence na ría de Pontevedra podería decidirse nos vindeiros días co inicio esta cuarta feira en Madrid da mesa de traballo convocada pola vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera. Nese Ministerio atoparanse cara a cara dúas posturas encontradas, a do concello de Pontevedra, favorábel ao traslado da fábrica desde hai anos, e a propia empresa, que conta co apoio da Xunta da Galiza.

Nesta primeira reunión participarán, ademais da dirección da compañía pasteira, unha representación do cadro de persoal da factoría de Lourizán e do sector de transportes e forestal. Amais, por parte do concello estará presente o seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e polo Goberno galego o conselleiro de Industria, Francisco Conde

Esta mesa de traballo foi consecuencia do compromiso de Teresa Ribera co comité de empresa da fábrica de Lourizán de crear "un espazo de diálogo, onde buscar fórmulas que dean continuidade aos postos de traballo de Ence en Pontevedra". A propia ministra aseguraba o mes pasado na súa conta de Twitter que para ela o caso da concesión de Ence "depende da decisión dos tribunais ao ter sido recorrida ante a Audiencia Nacional". Dous colectivos ecoloxistas e o Concello de Pontevedra denunciaron a prórroga ante a xustiza, asegurando que a ampliación era contraria á lei.

O concello defende a recuperación dos terreos 

Anabel Gulías, portavoz municipal, asegura que o Goberno de Pontevedra ten a intención de "escoitar con respecto todas as partes, mais mantendo firme a nosa posición de hai máis de vinte anos, que pasa polo traslado e a recuperación dos terreos para as veciñas e os veciños". 

Desde o concello aseguran que nesta mesa de traballo está en xogo a "calidade democrática" deste tipo de concesións que, neste caso, considera que tivo unha "prórroga fraudulenta" coa que discrepan ao considerar que "pode ter un tratamento diferenciado do resto de empresas e industrias da nosa comarca". 

Gulías lembra que o Concello "leva anos loitando non só polos terreos de Ence-Elnosa senón tamén por outros terreos que deben ser devoltos á cidadanía pontevedresa para o seu desfrute". Para a portavoz municipal, a Administración local precisa "unha garantía de seguridade na contorna do noso Concello", e lembrou o incidente acontecido hai uns días "no que a propia Ence advertía dos niveis de mercurio que estaban atopando na descontaminación e no desmantelamento de Elnosa". 

A Xunta quere Ence na ría de Pontevedra

O Goberno galego, pola contra, é partidario de que Ence quede na ría de Pontevedra até 2073. O vicepresidente segundo e responsábel de Economía, Francisco Conde, considerou que a Lei de Cambio Climático xera inseguridade xurídica para as empresas asentadas na costa galega, incluída a pasteira, e pediu en máis dunha ocasión garantir que a súa aplicación non teña carácter retroactivo. 

Nunha recente entrevista na Radio Galega discrepaba asegurando que non lle parecía "razoábel que unha lei sirva para fechar empresas". Por este motivo Conde é partidario de que a lei non afecte á prórroga concedida á pasteira  polo Goberno español en funcións de Mariano Raxoi e, desta maneira, non ter en conta o actual prazo que vencería en 2033. Para que isto non aconteza, solicita a retirada do artigo 18 da mencionada lei.

A APDR pide que non se ceda ás pretensións de Ence

A asociación pola defensa da ría (APDR) afirma, nun comunicado sobre a mesa de traballo sobre o futuro de Ence, que Ministerio e Concello non deben “ceder na defensa do dominio público e a lei fronte a quen quere favorecer os intereses ilexítimos” desta empresa. Sinala que “ningunha empresa, por moi apoiada que estea polo Goberno autonómico, pode pasar por riba da lei”. Ademais, denuncian a "mensaxe mentireira" do representante da Xunta na mesa.

Comentarios