Comercios e hostalaría, os outros afectados polo fechamento de sucursais

O fechamento continuo de oficinas bancarias por todo o país está a ter unha forte repercusión negativa no tecido comercial e hostaleiro. Se os atrancos comezaron con reducir os horarios de atención que dificultaban o acceso á atención presencial, agora algunhas zonas viron eliminada por completo esta posibilidade e hai que realizar grandes desprazamentos para operar cos bancos.
Zonas como o casco vello de Compostela, con moitos comercios e estabelecementos de hostalaría, quedan sen sucursais (Arxina/ Arquivo)
photo_camera Zonas como o casco vello de Compostela, con moitos comercios e estabelecementos de hostalaría, quedan sen sucursais (Foto: Arxina/ Arquivo)

O fechamento de entidades bancarias é xa unha realidade. O Banco de España concretaba nun informe que no primeiro semestre de ano deixaron de funcionar na Galiza 104 oficinas, unha situación que empeorou coas últimas decisións que afectan a sucursais do BBVA e o Banco Sabadell.

Á situación de perda de emprego que afecta a traballadoras e traballadores destas sucursais hai que sumarlle agora as dificultades que produce esta circunstancia no pequeno comercio e na hostalaría, que comeza a levantar a voz e expresar o seu malestar. Unha das primeiras denuncias vén desde a asociación Hostalaría Compostela que, desde o corazón da capital galega, explica como lles prexudica a desaparición deste servizo.

"Non pararon de fechar oficinas na cidade mais na zona vella a situación é máis complicada pola concentración de negocios", asegura a Nós Diario Thor Rodríguez o seu presidente. As persoas que traballan en comercio e hostalaría, cun perfil na súa gran maioría comprendido por autónomas e autónomos, xa non conta coa posibilidade na contorna de ir buscar cambio, realizar depósitos ou pagar facturas.

"Agora temos que trasladarnos uns quilómetros para conseguir o mesmo servizo", afirma Rodríguez, "a restauración precisa contar con cambio a diario, sen contar coas xornadas en que tes que pagar as nóminas", engade. Neste caso, os negocios resentíronse do último feche na zona: a oficina do BBVA da rúa do Vilar. 

A falacia do servizo por internet

"Pensan que estamos todos automatizados e en realidade hai moita xente que non entende o sistema dixital, sobre todo as persoas maiores que teñen un estabelecemento", explica o responsábel desta entidade, "e seguen acudindo ao banco para moitas operacións como fixeron toda a vida", indica. Desde Hostalaría Compostela cren que a sociedade, tamén no seu sector, "non está dixitalizada á velocidade que as entidades bancarias pensan". No caso da hostalaría, comenta Rodríguez "somos nós os que tentamos dar cambio á xente, algo que facemos encantados mais que complica o noso día a día".

Confirman esta situación tamén na Coruña. Juan Sanfiz, técnico da Federación de Unión de Comercios Coruñesa (FUCC) informa a Nós Diario que hai comercios aos que lles supón un trastorno o fechamento de oficinas e tamén a restrición de horarios das que continúan abertas.

"O comercio adaptouse a estas medidas, malia o castigado que está agora mesmo con motivo da pandemia, e é pouco que queixarse", admite, "mais recentemente aumentaron os desprazamentos e teñen que contar con empregar 20 minutos máis para achegarse ás oficinas que aínda están abertas, con sorte unha por barrio", engade. 

A única solución que deron algúns bancos, "non todos" apunta Sanfiz, foi propoñer cursos para que o comercio e a hostalaría adaptase o seu funcionamento ao sistema dixital. Desde as asociacións "propuxeron realizalos mais o problema é o tempo, os estabelecementos teñen horarios moi concretos nos que traballan autónomos e non contan con empregadas ou empregados, polo que lles resulta imposíbel asistir".

Concentración de oficinas 

Pola contra, os problemas son outros nas zonas en que se concentraron as últimas oficinas bancarias nalgunhas cidades. É o caso dos comercios que traballan no Centro Comercial Aberto de Ourense. "Nótase moita máis xente nas oficinas que temos na contorna, polo que empregamos máis tempo en realizar as xestións", sinala a Nós Diario a xerente desta entidade, Lorena Tato. A "sorte" de contar con sucursais non lle impide criticar a situación. "A atención que temos é unha burla, ás veces tampouco podemos rematar as operacións presenciais", conclúe.

Comentarios