O comercio polo miúdo da Galiza rexistra o menor crecemento do Estado

As vendas do comercio polo miúdo medraron 0,5% na Galiza na comparativa interanual, mentres no conxunto do Estado o incremento foi de 3,8%.
Unha rúa comercial de Vigo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press) #comercio #economía #traballo
photo_camera Unha rúa comercial de Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

As vendas do comercio polo miúdo na Galiza subiron 0,5% en xaneiro en comparación co mesmo mes de 2021, segundo os datos que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) esta segunda feira.

Este incremento, con todo, é inferior á media de avance no conxunto do Estado español, onde se eleva en 3,8% interanual. Precisamente, no comezo do ano hai un aumento xeneralizado nas comunidades, agás os descensos de Euskadi (-3,4%) e Nafarroa (-0,5%). A alza do comercio galego é a menor entre os territorios que soben.

Deste modo, as maiores repuntas anuais da facturación do sector rexistráronse en Canarias (+13,3%), Balears (+8,3%), Estremadura (+7,7%), Madrid (+7,3%) e Castela e León (+4,7%), mentres que os menores corresponderon á Galiza (+0,5%) e Asturies (+0,6%).

Pola súa parte, o emprego experimenta na Galiza o maior ascenso interanual entre comunidades (+4,1%), nun contexto no que todas medraron. A media de crecemento é de 3% no Estado en comparanza co primeiro mes do ano anterior.

Con todo, comparando co mes anterior, decembro de 2021, hai unha perda de 0,9% de postos de traballo no caso galego.

Así, as vendas do comercio polo miúdo regresaron en xaneiro a taxas positivas no Estado logo de rexistrar en decembro unha caída interanual de 3,1%.

Eliminando os efectos estacionais e de calendario, a facturación do comercio polo miúdo aumentou 4% interanual en xaneiro, en contraste co retroceso de 2,4% que experimentou en decembro.

Comentarios