Ourense lidera a perda de negocios autónomos no Estado

O comercio galego esmorece: desaparecen 4.000 establecementos en catro anos

Ourense lidera a perda de negocios autónomos no Estado segundo un informe publicado Asociación de Traballadoras Autónomas (ATA) referidos aos últimos catro anos.

Comercio (Europa Press)
photo_camera Comercio (Europa Press)

Galiza perde comercios ano a ano. Os últimos datos que deu a coñecer a Asociación de Traballadoras Autónomas (ATA) referidos aos últimos catro anos (de novembro de 2015 a novembro de 2019) indican que o interior con menos poboación vai camiño tamén da desertización laboral pola desaparición do seu comercio. Nese período en territorio galego pasouse de 53.301 a 49.411, un total de 3.890 comercios menos, representa unha porcentaxe de -7,3%.

Ourense é, a nivel galego e estatal, a provincia que en porcentaxe máis comercios fechou pasando de 6.305 a 5.565, un total de 741 menos (-11,7%). Séguelle A Coruña que de 20.850 ten agora 19.340, a cifra é de 1.509 menos (-7,2%). Logo estaría Lugo que tiña 6.725 e pasou a ter 6.295, 431 menos (-4%). Pontevedra, polo seu lado, é a que menos descenso do comercio ten cunha baixada de 19.421 a 18.211 este anos, 1.209 menos (-6,2%).

Causas dunha situación grave que vai a máis

“O comercio ten por diante grandes retos como a venda por internet e a dixitalización que obriga ao comercio a renovarse”, asegura Lorenzo Amor, presidente de ATA a nivel estatal. Recoñece que é un dos sectores que máis acusou o proceso de despoboamento que teñen determinados territorios. “Cando nunha vila fecha o pequeno negocio a vila morre”, sinala. As razóns son múltiples mais algunhas delas teñen que ver coa falta de “oportunidades reais de emprendemento nas vilas”, apunta, “a mocidade marcha e os comercios perden toda posibilidade de clientes”.

Comercio e poboación van da man para Lorenzo Amor. “É un círculo que debemos rachar para salvar o comercio e revitalizar as zonas con maior índice que poboación rural”. A proba é que os lugares onde se perde poboación “como Galiza” é onde “máis se resenten autónomas e autónomos”.

Rafael Granados, presidente de ATA-Galiza, relata a Sermos Galiza que outra das causas é a ausencia de relevo xeracional no comercio. "Falta ilusión diante deste panorama", sinala, "unha solución sería contar cunha bolsa de persoas emprendedoras e outra de comercios que están nesa situación".

Noela Mares, xerente do Carballiño Centro Comercial Aberto, pon o exemplo a Sermos Galiza do feche "dunha tenda de fogar por xubilación na que os fillos non quixeron subirse ao carro”.

O futuro podería estar na venda de produtos a través de internet

O comercio galego ten claro que unha das saídas que ten para non fechar é contar coas vendas a través de internet. “Os cursos que realizamos na asociación foron sobre plataformas on line, redes, venda por internet”, sinala Noela Mares, “tes un teléfono móbil 24 horas con 20 millóns de tendas a nivel mundial abertas", engade. Iso sí, loitan contra xigantes, a competencia nese ámbito é coas multinacionais. "Non podemos compararnos con Amazon”, subliña a Sermos.

O valor social conta tamén na relación que ten o comercio coa veciñanza

A importancia que implica non apagar as luces

“O comercio non é só negocio, é tamén unha actividade social”, asegura Rafael Granados. A actividade económica ten neste tipo de pequenas empresas outros potenciais. “Dan luz, valor ás vivendas que teñen enriba”, explica, “non é o mesmo vivir nunha zona comercial que noutra que non ten comercios”.

O valor social conta tamén na relación que ten o comercio coa veciñanza, coas persoas que habitan o territorio que traballan. "É moi importante que a xente poida ter preto da súa casa un comercio onde poder mercar a froita, o pan, tomar un café e mesmo que lle leven a compra ao seu domicilio", explica, "e non esquezamos á xente maior que ten problemas para desprazarse", engade.

O sector está preocupado polo que representa para autónomas e autónomos "apagar as luces", unha acción simbólica do fracaso que na maior parte dos casos non ten marcha atrás e inicia un proceso en cadea que prexudica aos que seguen abertos.

Comentarios