As comarcas da Coruña e Santiago sitúanse á cabeza en renda bruta por habitante

As sete grandes cidades concentran o 42% da renda galega, segundo a renda municipal dos fogares que publicou esta sexta o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Oleiros
photo_camera Unha panorámica do concello de Oleiros, que segue á cabeza na renda per cápita.

Un 36% dos habitantes da Galiza reside nos sete concellos máis poboados, o cal ten influencia sobre a repartición da renda municipal, non só pola relación entre o número de habitantes e a renda total dun municipio, senón porque tamén dá a idea da concentración das actividades produtivas, xeradoras de renda e emprego, que actúan como elemento de fixación de poboación.

De feito, a renda total dos residentes na Coruña e Vigo supón o 23% do total da renda (e o 19,6% da poboación). Pola súa banda, Oleiros, cunha renda por habitante de 22.959 euros en 2018, segue como o concello que ten unha maior renda, este ano un 51,7% superior á media galega (15.132 euros).

Outros seis concellos teñen unha renda media por habitante que supera en 15 puntos ou máis á media nacional en 2018: A Coruña, Santiago, Bergondo, Nigrán, Ourense e As Pontes. Os de Teo, Lugo e Pontevedra completan os 10 concellos con máis renda por habitante.

Salarios e prestacións sociais

En 2018, a remuneración de asalariados foi a principal fonte de renda de 216 concellos galegos (o 69%). Desde 2013 está a incrementarse o número deles cuxa principal fonte de renda son os salarios. Con todo, en 95, sobre todo do interior, son as prestacións sociais as que achegan un maior volume de recursos, aspecto moi vinculado ao envellecemento da poboación.

No período 2010-2018 hai catro consistorios nos que a principal fonte de renda son as mixtas, é dicir, a remuneración do traballo non asalariado: Friol, A Pastoriza, Portomarín e A Illa de Arousa.

En toda Galiza, as cotizacións sociais pagadas cobren o 66,6% das prestacións sociais que reciben os galegos e galegas. Só en oito concellos: Ames, Arteixo, Brión, Cambre, Culleredo, Oleiros, Oroso e Salceda de Caselas son maiores as cotizacións sociais pagadas que as prestacións sociais recibidas polos residentes.

Diferenzas entre comarcas

Por comarcas, as da Coruña e Santiago son as que presentan unha maior renda bruta por habitante e as únicas que superan os 17.000 euros. Nas comarcas dos Ancares, A Fonsagrada, Quiroga, Baixa Limia, Terra de Caldelas e Terra de Celanova as prestacións sociais que reciben os fogares son a principal fonte de renda.

Por outra banda, o concello con maior PIB por habitante, Cervo (concello onde se sitúa a fábrica de Alcoa), atópase tamén por encima da media galega en termos de renda por habitante.

Con todo, o municipio con maior renda por habitante, Oleiros, ten un PIB por habitante inferior á media, e en nove consistorios tanto renda como PIB por habitante superan a media galega.

Comentarios