O novo plano industrial da SEPI prevé prexubilacións xeneralizadas

A comarca de Ferrolterra, fronte unha nova reconversión naval?

Dende un consello de Ministros realizado en xullo do 2014 unha dúbida sobrevoa o naval da comarca, unha dúbida que se fai actual dende o pasado 27 de Abril deste ano cando a presidenta da SEPI, na visita aos estaleiros da nosa ría, falaba dun novo plan industrial.

photo_camera Guindastres de Navantia

O anuncio da presidenta da SEPI (Sociedad Estatal de Participaciones Industriales) de levar a cabo un novo plan industrial sobre a empresa de NAVANTIA pon o foco na idea dunha nova reconversión naval na comarca. Unha idea que xa se fraguara no 2014 e que quedou formulada no Consello de Ministros dese mes de xullo, onde se establecían as directrices no ámbito da industria española de defensa e, para levalo a termo, falábase de procesos de reestruturación e consolidación quer a nível estatal quer internacional. Mais este proceso quedou nunha letarxia debido á complicada situación política que se viviu no estado español.

O plan do que falou a presidenta da SEPI, aínda que sen esclarecer cal vai ser o futuro da empresa, falaba de "saídas naturais" (novo termo para o concepto de pre-xubilación) e novas contratacións para rexuvenecer o cadro de persoal. O problema das pre-xubilacións xerais é un problema por descomposición técnica, o que significa que se a empresa pre-xubila todas aquelas persoas que están entre os 55 e 65 anos sen mirar o que pode facer falla, podémonos atopar que en todo o cadro de persoal dun sector, por exemplo turbinas, se retiren máis de 60 por cento dos efectivos e que, en troca, noutro plantel estean ao 100 por cento dos recursos humanos. Isto provocaría un gran desaxuste na organización e formulación dun proxecto. Antes deberíase estudar onde é posíbel facer esa reestruturación, con vistas a non danar a produtividade dunha empresa.

O plan do que falou a presidenta da SEPI, aínda que sen esclarecer cal vai ser o futuro da empresa, falaba de "saídas naturais" (novo termo para o concepto de pre-xubilación)

A presidenta tampouco falou do que pasaría co centro de Fene, que xa nin centro é, senón un taller do Centro Ferrol-Fene. Unhas instalacións que pasaron de ser unha empresa propia, ASTANO, que en 2001 se converteu nun simples centro de IZAR e en 2005 redúcese o que é agora: un taller do Centro Ferrol-Fene de NAVANTIA. Unhas instalacións que, aínda que necesitan unha modernización teñen capacidade para construír barcos, e até teñen unha grúa pórtico inutilizada. Actualmente o que está facendo este estaleiro son as plataformas eólicas ou "Jackets" que realmente poderían facerse nun taller de carpintería metálica de certa dimensión, polo que o resto da factoría está case sen utilizar e podería facerse alí calquera outra actividade naval. Deixando claro que as plataformas eólicas non é construción naval.

                               Neste sentido a SEPI, cando se creaba IZAR, dicía que había que reforzar a construción naval que servise para impulsar un proxecto de integración naval paneuropeo, cun claro sentido estratéxico. Mais IZAR só durou 5 anos escasos, e nese tempo o seu proxecto nin se chegou a comezar.

Os gobernos estatais nunca estiveron interesados por mellorar e incentivar a construción naval, ou por facer das empresas navais (tanto públicas e privadas) un grande tecido empresarial, dotándoas ao mesmo nível que o resto da Unión Europea. E seren así máis competitivas e podérense expandir internacionalmente. Non se pode limitar a construción naval a tan só barcos militares, xa que as contratacións deste tipo basicamente son comercio de autoconsumo. O propio estado é quen fai as encargas aos seus centros, poucos estados fan súa infraestrutura de/para guerra noutro estado, e se é así non o fan na súa totalidade. Só se fai unha parte no estado a contratar, como pasou coas últimas fragatas para Australia.

Os gobernos estatais nunca estiveron interesados por mellorar e incentivar a construción naval

Polo que sen deixar a lado a construción naval militar, para poder optar a unha carteira máis grande de pedidos deberíase pensar en abrir mercado no ámbito civil. Un mercado que non deixa de crecer, embora Europa teña unha crise económica importante, está competindo directamente coas potencias asiáticas. Nos resultados que se amosan no reporte do primeiro semestre do ano 2016 (boletín nº 41), feito por SEA EUROPE (Asociación que dá voz á tecnoloxía marítima europea) dísenos que a Unión Europea tivo contratos por valor de 11.000 M€ (61 por cento do mercado global) fronte a 1.800 M€ de Corea do Sur, os 4.100 M€ de China e os 1.100 M€ de Xapón. Pero o máis extraordinario é que os novos contratos que se obtiveron en Europa son 57, fronte os 114 chineses, 101 xaponeses e os 57 sulcoreanos. Polo que nunha vista de ollos sabemos que os pedidos que ten a Unión Europea son de maior custe que os demais, seguramente por levar maior enxeñería e tecnoloxía. Algo que o estado español está moi lonxe de acadar, porque non está dentro dese marco.

É de destacar tamén a Joint Declaration on EU Industrial Strategy 2017 onde unha grande parte de asociacións da industria europea, con grande forza económica, asina unha declaración onde lle pide a Unión Europea que defenda as súas empresas manufactureiras, que lles dea pulo. Industria que ten empregadas cerca de 34 millóns de persoas nos estados membros, e que foi perdendo postos de traballo de até case 3,5 por cento entre os anos 2008 e 2014. Daí que pidan que se leve a cabo unhas cantas medidas para poder competir co resto de mundo que si fai políticas de defensa das empresas de manufactura.

Sen deixar a lado a construción naval militar, para poder optar a unha carteira máis grande de pedidos deberíase pensar en abrir mercado no ámbito civil

O estado español podería facer como outros estados europeos (Italia, Franza, Alemaña,...) e integrar a construción civil e a militar. Está deixando escapar un mercado importante tanto para o próprio estado como para Galiza e, principalmente, para a nosa comarca. A construción naval é un tecido de manufactura, outra razón máis para defendelo con forza.

Ferrolterra xa pasou por moitas reconversión, e non só unha, nin dúas nin tres... e por cada unha delas o tecido industrial foi esmorecendo, coa consecuencia de altas taxas de paro, despoboación... Unha comarca que precisa os investimentos necesarios para competir internacionalmente. Cunha carga de traballo e unha carteira de pedidos suficientes a empresa NAVANTIA podería competir internacionalmente, unha empresa que tampouco se atopa nos seus mellores momentos.

O estrago da industria do naval claramente ten efeitos negativos inducidos para toda a comarca. Para facer un barco é necesario aceiro, ferro, teas, enxeñería, etc... e diso vive Ferrolterra. A diversificación do sector naval pasa por ter carga de traballo. Canta máis carga de traballo, máis diversificación, e mellor tecido industrial... 

Agora toca esperar cal vai ser o novo paso da SEPI e do estado español a respeito destes anuncios. Ferrolterra demanda un cambio de rumo.

Comentarios