En-Colectivo denuncia ante Bruxelas as prórrogas da AP-9

En-Coletivo leva a prórroga das peaxes ante a Comisión Europea por entender que se tiñan que someter a licitación pública.
Diego Maraña xunto aos avogados que asesoran a En-Colectivo.
photo_camera Diego Maraña xunto aos avogados que asesoran a En-Colectivo.

A asociación En-Colectivo, que defende ás usuarias afectadas polo cobro indebido das peaxes  durante as obras de ampliación da ponte de Rande, abre unha nova fronte xudicial contra Audasa, a concesionaria da AP-9. Desta vez, a asociación denuncia ante a Comisión Europea o posíbel incumprimento da normativa da Unión Europea nas prórrogas da concesión da autoestrada galega.  

Así o explicaron esta quinta feira en rolda de prensa o presidente de En-Colectivo, Diego Maraña, e os avogados da asociación, Carlos Cenalmor, socio do bufete Gándara Moure, e Antonio Heredero, socio de Balms Abogados. En concreto, os letrados sinalan que os Reales Decretos 1809/1994 y 173/2000, que conceden sendas prórrogas a Audasa para a explotación da autoestrada até 2023 e 2048, respectivamente, incumpren diferentes Directivas da Unión Europea.

Na argumentación da súa denuncia, En-Colectivo explica que as prórrogas da concesión orixinal incumpren a normativa por estender o período concesional da AP-9 sen publicaro correspondente anuncio de licitación, o que afecta á libre competencia, xa que non convocar concurso exclúe de forma ilegal a outros operadores que poidan explotar o servizo público da autoestrada en iguais ou mellores condicións. Por iso, queren que a Comisión inste ao Goberno español a dar solución a esta situación e lograr a anulación das prórrogas e a supresión das peaxes na AP-9 a favor da economía das galegas.

O precedente italiano

Maraña apuntou que "o feito de que contra Italia a Comisión Europea puxera en marcha un proceso similar fainos ser optimistas ante a nosa denuncia". Nese procedemento contra a República Italiana, Bruxelas ditaminou que as prórrogas efectivamente supoñan unha modificación do contrato orixinal e unha vulneración do regulamento comunitario.

Comentarios