Presidente do Consello Regulador do Mexillón de Galicia

“Co TTIP calquer produtor de EUA pode facer un uso 'xenérico' dunha denominación de orixe galega”

O tratado de libre comercio que negocian Estados Unidos e Unión Europea pon na picota as denominacións de orixe. No noso país hai unha trintena de D.O, que non son apenas unha simple marca, mais un selo de autentificación dun produto e dun facer. Falamos con Francisco Alcalde, do CR Mexillón de Galicia.

francisco alcalde mexillón de galicia
photo_camera Francisco Alcalde, presidente do Consello Regulador do Mexillón.

-Hai voces que advirten que na negociación do TTIP entre Estados Unidos e a Unión Europea as denominacións de orixe poderían saír prexudicadas, pois en EEUU entenden que son símbolos de proteccionismo. Preocupa este escenario para o mexillón de Galiza?

-Vaia por diante o ocultismo - e consecuente desconfianza da cidadanía-  co que se está a tratar este tema, e que se algunha información temos é porque as ONGs están a achegar ao público información que obteñen por filtracións nas negociacións.

Os países europeos, principalmente do sur, temos unha cultura gastronómica milenaria, na que os produtos se cultivan e elaboran con mimo para o consumo da casa, por transmisión xeracional. Esta cultura tamén axuda a definir os pobos xerando un exquisito patrimonio inmaterial e crea unha oferta de produtos agroalimentarios de altísima calidade diferenciada vinculada ao seu orixe xeográfico, que protexemos mediante as figuras de Denominacións de Orixe.

Estados Unidos carece de historia gastronómica de tradición xeracional, porque naceu no momento histórico no que se comeza a producir para o mercado. Danlle mais importancia ao volume de produción -que aforra costes- que á calidade tradicional do produto.

"Se algunha información temos é porque as ONGs están a achegar ao público información que obteñen por filtracións nas negociacións"

Este é o punto de partida que distancia ambas posturas. Polo que sabemos, USA non quere recoñecer as DOP e IXP europeas, o que de levarse a cabo permitiría que calquera produtor USA podería facer uso "xenérico" dunha "denominación protexida", e os conflitos posibles non os ía resolver un tribunal europeo, senón un tribunal de arbitraxe. Situación que non é a máis favorable para a defensa dos consumidores e das persoas e empresas que traballan coas DOPs.

A tradición histórica de EEUU tamén explica o individualismo do sistema, onde as marcas son de propiedade e distinguen os produtos dunha empresa individual, con criterios de xestión estritamente mercantís

-En Estados Unidos o modelo é o da marca, que non abrangue todo o que unha denominación de orixe. Que implica, en concreto, ter unha Denominación de Orixe Protexida para o mexillón de Galiza?

-As DOPs e IXPs amparan a produtos nos que a súas características principais e calidade están vinculadas a unha zona xeográfica determinada. Cada vez hai mais cidadáns e persoas consumidoras afíns ao consumo consciente que demandan mais produtos de calidade e elaborados tradicionalmente. As DOPs e IXPs son figuras de protección colectiva, que amparan a multiples produtores e empresas que realizan actividades de cultivo e elaboración, principalmente en entornos xeográficos rurais nos que xeran e distribúen riqueza e emprego, afianzando a poboación, con efectos socioeconómicos e ambientais positivos moi importantes. Coas súas actividades manteñen a biodiversidade e a diversidade de produtos de calidade no mercado.

Por contra, a tradición histórica de EEUU tamén explica o individualismo do sistema, onde as marcas son de propiedade e distinguen os produtos dunha empresa individual, con criterios de xestión estritamente mercantís, no que o consumidor é unha variable mais da ecuación de costes comerciais. A súa dinámica leva á selección produtiva coa finalidade de produción industrial e redución da diversidade de produtos naturais, o que podería levar no futuro a problemas de seguridade alimentaria.

-Paralizada a Lei de Acuicultura, que recadou a oposición en pleno de todo o sector do mar, cales son os retos que ten que facer fronte o sector mexilloeiro?

-O sector vinculado ao Mexillón de Galicia tense demostrado como estratéxico nas poboacións onde teñen presenza as actividades, non só pola capacidade de crear e distribuír riqueza nunha ampla base social e propiciar o desenvolvemento económico nas zonas costeiras, senón que dende a actividade do sector primario, inicio da cadea, realízase un aproveitamento natural de recursos endóxenos baixo no consumo de carbono, eixo estratéxico para o cambio do modelo produtivo incluído na axenda Horizonte 2020 da UE. Unha actividade sustentable no eido ambiental, económico e social. Neste senso, e atendendo os eixos estratéxicos que establece o FEMP (Fondo Europeo Marítimo e da Pesca), o sector debería ser considerado preferente no destino de ditos fondos.

A orixe galega do mexillón, xa sexa en conserva ou outras presentacións transformadas, outórgalle moito valor a ollos do consumidor

Certo que hai determinadas actividades que precisan introducir melloras ambientais ou innovacións porque parten dunha situación negativa en tales aspectos, mesmo polas súas repercusións no medio ambiente, e calquera mellora que introduzan significaría un cambio notable.

Tamén é certo que o proceso continuo de innovación endóxena e mellora continua das prácticas produtivas que caracterizan as actividades mexilloeiras, así como a prestación de servizos ecosistemicos da actividade, fan difícil obter incrementos significativos de melloras, se ben iso non impide consolidar o aproveitamento dos fondos FEMP para a mitilicultura galega. Non facelo significaría un alto grao de cegueira política, xa que suporía un freo para incorporar avances e melloras que fagan o sector máis forte  nun contexto (o da acuicultura) cada vez mais esixente.

-A xustiza sentenciou a comezos deste ano o principio da fin da fraude da etiquetaxe nas conservas de mexillón. A Audiencia Provincial sentenciou que ningunha conserva de mexillón pode facer referencia á orixe galega do produto se non está amparada pola Denominación de Orixe Protexida. Cal foi desde entón a reacción da patronal conserveira e a administración?

-É evidente que a orixe galega do mexillón, xa sexa en conserva ou outras presentacións transformadas, outórgalle moito valor a ollos do consumidor. Ante a imposibilidade de facer uso de mencións aleatorias á orixe e a confirmación de que a DOP é a única mención legal para poder facer referencia á orixe como expresa a sentenza referida, vimos notando un incremento das inscricións nos rexistros da DOP de empresas de transformación, incluídas conserveiras. Certo que esta non é a actitude de empresas que teñen intereses no mexillón foráneo.

Por outra parte, a Administración parece interesada en buscar resquicios para non facer cumprir a lei e permitir desta forma que haxa empresas que sigan facendo alusión á orixe galega do produto sen estar na DOP. Mesmo solicitando ditames á Comisión Europea, cando ben se sabe que as sentenzas xudiciais están por riba de calquera ditame administrativo, e simplemente, hai hai que acatalas.

Esta entrevista viu a luz no Sermos Galiza nº203, no marco da reportaxe 'O TTIP ameaza as denominacións de orixe'

Comentarios