UNHA ANÁLISE DE JOSÉ LUIS GÓMEZ

As claves da "mellora" da economía española

O xornalista especialista en temas económicos e editor de Mundiario, José Luís Gómez, enceta unha serie de colaboracións en Sermos Galiza.

opep
photo_camera A queda nos prezos do petróleo favorece certa reactivación da economía

A caída de prezo do petróleo, a depreciación do euro fronte ao dólar e a decisión do Banco Central Europeo (BCE) de reanimar con tipos baixos a economía da eurozona devolveron o optimismo a unha economía moribunda como a española. Ningún deses tres factores ten nada que ver con decisións políticas internas. Dá a impresión de que España se contenta con ir tirando, vivindo ao día, en función do que outros fagan.

Pero os problemas da economía española seguen estando onde estaban: o país produce menos do que debería para crear emprego, a súa productividade segue sendo baixa e o seu propio modelo produtivo non atopou o seu camiño, unha vez que abandonou á forza a vía da construción desaforada.

Os problemas da economía española seguen estando onde estaban: o país produce menos do que debería para crear emprego

A caída do prezo do petróleo é evidente que recuperará a demanda interna, xa que os españois terán máis diñeiro nas súas mans. Un euro máis débil tamén axudará as empresas exportadoras españolas, ao gañar en competitividade fronte ao área dólar, pero, sobre todo, España beneficiarase de que os seus principais socios comerciais, Alemaña e Francia, veranse favorecidos por un euro á baixa. Para rematar, os tipos de interese do BCE próximos a cero son todo un maná para un país tan endebedado como España, tanto na espera pública como privada.

A conclusión salta á vista: España debería facer os seus propios deberes internos, lonxe de festexar estas axudas externas. Políticamente, pode explicarse o parón das reformas polas eleccións municipais e xenerais -ao partido do Goberno de Rajoy non lle interesa afrontar xa máis custos-, pero economicamente o país volverá pagalo en canto o petróleo volva subir, o euro se recupere e o BCE adopte unha subida de tipos. Porque nada diso será para sempre. 

Comentarios