Citroën pide 30 días de ERE en Vigo para un máximo de 3.600 empregad@s, a metade do seu cadro de persoal

A planta de PSA na cidade olívica anuncia que non haberá complementos económicos, como si houbera nestes 3 anos anteriores, para o expediente de 2014.

citroen vigo
photo_camera Foto: Citroën

A dirección de PSA-Citroën en Vigo solicitou 30 días de expediente de regulación de emprego para 2014, un ERE o que poderán acollerse un máximo de 3.580 traballadores, case a metade do seu cadro de persoal actual. Segundo informa Faro de Vigo, neste ERE, e ao contrario que nos anteriores, non poderán acollerse os xubilados parciais, os traballadores temporais ou aqueles con contrato a tempo parcial.

A medida de PSA-Citroën na súa planta galega pretende, indican desde o mencionado xornal, facer fronte a posíbeis imprevistos de produción en caso de non ser de abondo as medidas de flexibilidade.

A crise e os “sacrificios salariais” do grupo en Francia, son algúns dos argumentos esgrimidos para non ofrecer a empresa, a diferencia de EREs anteriores, ningún complemento económico aos afectados por este expediente.

Dirección e sindicatos teñen agora 2 semanas para negociar este ERE. Desde a CIG, sinalan no Faro, xa advertiron que non queren negociar o expediente na recta final de ano e sen coñecer cal é o escenario para 2014. Os sindicatos da mesa negociadora coinciden en pedir que se reduza o número de persoas incluídas no ERE e que se manteña o complemento salarial, como nos anteriores.

Comentarios