Cinco exdirectivos de NovaCaixaGalicia comparecerán como imputados na Audiencia Nacional

Están acusados dun delito de administración desleal e apropiación indebida. CIG-Banca lembra que "son todos os que están mais non están todos os que son" e lamenta que a AN non a cite como parte malia ser esta central a que denunciou os feitos perante a fiscalía
photo_camera Feijóo con directivos de Novacaixagalicia

A Audiencia Nacional vén de citar para declarar como imputados cinco exdirectivos de NovaCaixaGalicia. O maxistrado da AN Ismael Moreno atribúe a estes cinco directivos (Fernández Gayoso, García de Paredes, Rodríguez Estrada, Pego Alonso e Gorriarán Laza) un delito de administración desleal ou, alternativamente, apropiación indebida. Acusacións que derivan da adxudicación de prexubilacións e ocultar os importes destas ao consello de administración da entidade financeira.

A raíz do acordo de fusión de Caixa Galicia e Caixanova, en maio de 2010, e a solicitude de apoio financeiro ao FROB, estes cinco altos exdirectivos comezarían a preparar a súa saída, acordando uns contratos e prexubilacións de cuxo importe non tería coñecemento o consello de administración. Estas decisións irían, ademais, en detrimento do propio patrimonio da entidade financeira.

"Que se investigue a fondo"

Clodomiro Montero, secretario nacional de CIG-Banca, lembrou que a citación da Audiencia Nacional se produce a raíz da denuncia presentada no seu momento polo sindicato nacionalista perante a fiscalía xeral do estado por estes feitos. De aí a estrañeza, apunta Montero, polo feito de que a Audiencia Nacional "non nos cite como parte".

O sindicato incide en que esta citación ten que ir máis alá "e a investigación non debe quedar circunscrita só a estes cinco exdirectivos e os seus contratos, "senón que hai que afondar en que foi a xestión das caixas galegas".

Montero ten claro, a respecto deses cinco ex altos directivos de NovaCaixaGalicia, que "son todos os que están, mais non están todos os que son", e afirma que en momentos en que se está a falar dun novo rescate para a banca hai que abordar cuestións como o futuro de NGB e o seu cadro de persoal e os e as afectadas polo calote das preferentes.

Intereses do PP?

A CIG-Banca lembra, aliás, que aínda que no Parlamento galego se aprobou no seu momento constituír unha comisión de investigación sobre as caixas, esta non chegou a crear, por mor do anticipo electoral. Neste sentido, Clodo Montero fala de "escurantismo e falla de transparencia do PP", o que xera dúbidas, apunta, "porque non hai que esquecer que Caixa Galicia condonou empréstitos cuantiosos ao Partido Popular".

Comentarios