A CIG ve no plan sobre a eólica mariña “un novo ataque ao sector pesqueiro”

A aprobación do Plan de ordenación do espazo marítimo (POEM) por parte do Consello de Ministras e Ministros espertou as primeiras reaccións. Na mañá da terza feira, a CIG cualificouno como “un novo ataque ao sector pesqueiro e ás capacidades produtivas da Galiza”.

Paulo Carril, secretario xeral da CIG. (Foto: CIG).
photo_camera Paulo Carril, secretario xeral da CIG. (Foto: CIG).

O sindicato maioritario na Galiza ve no POEM un retroceso, “xa que non é compatíbel cos usos tradicionais da nosa costa, co mantemento da actividade pesqueira ou coa preservación da biodiversidade dos ecosistemas mariños”.

A central nacionalista aposta por “unha Galiza libre de eólica mariña ante o risco que significa para a continuidade da actividade pesqueira e o limitado coñecemento científico que existe a día de hoxe sobre a afectación que estas instalacións teñen nos ecosistemas mariños”.

A CIG incide ademais en que “as zonas prioritarias e potenciais deseñadas inicialmente polo Ministerio de Transición Ecolóxica para as instalacións eólicas sitúanse en caladoiros de pesca ou en corredores ecolóxicos de migración de cetáceos e de aves mariñas”.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, puxo de manifesto esta terza feira que "un modelo enerxético sustentábel non pode pór en perigo aqueles sectores sociais que proporcionan alimentos básicos á poboación, non garantir que non existan repercusións negativas de carácter ambiental e ecolóxico, nin supor un prexuízo económico e social irreversíbel".

A CIG, nun comunicado de prensa, lembra que presentou alegacións ao trámite de audiencia que abriu o Ministerio, “apostando, entre outras cuestións, pola necesaria constitución dun organismo interministerial e con asesoramento do CSIC, que se encargara de emitir un informe previo vinculante sobre a idoneidade dos espazos mariños para o desenvolvemento destas industrias enerxéticas sen interferir nin nos ecosistemas nin na actividade pesqueira, cun peso especial en Galiza”. “Porén, lonxe de respectar estes principios de precaución, o marco normativo entende a eólica mariña como un fin en si propio”, entende a CIG.

Unha transición “nin lóxica nin xusta”

"As grandes corporacións empresariais son as que planifican e deciden, valéndose de inxentes recursos públicos, limitándose os Gobernos a executar unha transición enerxética, cada vez máis inxusta social e territorialmente", critica Carril.

O secretario xeral do sindicato expón que, desde hai décadas, Galiza “desempeña por imposición política de Madrid, un papel de subministrador de enerxía eléctrica para o resto do Estado español e agora está  sometida a un novo e intenso proceso de colonización enerxética que, se no franquismo destruíu os ríos, agora vai polas terras, os montes e o mar”.

"Levamos décadas padecendo e comprobando as mentiras sobre a creación de postos de traballo asociados a esta colonización enerxética nos territorios afectados, cando a realidade é pobreza enerxética, emigración por falta de emprego e comarcas enteiras do noso país camiño da desertización social e industrial", engade Carril, quen lembra que Galiza xa logrou cumprir os os obxectivos da UE e do Estado español en materia de xeración eléctrica renovábel para 2030, exportando arredor do 30% da electricidade que produce. “Unha produción destinada a satisfacer a demanda de territorios libres de instalacións eólicas e grandes consumidores do Estado, como Madrid”.

A CIG, que lamenta a falta dunha tarifa eléctrica diferenciada para a Galiza, entende que “cómpre mobilizarse” para reclamar “un modelo enerxético realmente xusto e sustentábel”.

Comentarios