venres 10.07.2020

CIG ve "electoralista" o anuncio de que a eólica Gestamp pretende os terrenos de Astano

A multinacional española Gestamp leva máis de dous anos negociando coa SEPI a cesión de terreos da antiga Astano. CIG advirte dunha eventual "colisión de intereses" entre Gestamp e Navantia.

O responsábel da sección sindical da CIG en Navantia Ferrol, Marcelino Amado, advertiu este sábado de que o anuncio do interese da multinacional española do sector da eólica mariña pode ser “outra manobra propagandística do PP”, semellante ás do flotel e mais o BAM, coidadosamente presentados nas dúas últimas precampañas –a autonómica de 2012 e a europea do pasado mes de maio-.

O voceiro da central nacionalista cre, aliás, que o anuncio supón un “fraco favor” aos intereses da comarca, pois estaría a reforzar á firma privada nas negociacións que mantén coa SEPI “desde hai máis de dous anos”, precisou Amado.

A CIG reclama asemade máis información sobre o proxecto e as intencións de Gestamp, datos que non lle foron facilitados ao comité intercentros da pasada cuarta feira por parte da dirección de Navantia, que di non estar “ao tanto” das negociacións, motivo polo cal a central vén de solicitar unha reunión cos responsábeis da SEPI. “Antes de avaliar a iniciativa, como representantes sociais temos que coñecer que partes da fábrica se pretenden ocupar e por canto tempo”, así como, engade, “os postos de traballo reais que xeraría e, por riba de todo, en que medida interferiría na actividade que debe ser propia dun estaleiro, a construción naval”.

CIG quer saber en que medida as intencións de Gestamp "interferirían na actividade que debe ser propia dun estaleiro, a construción naval"

Marcelino Amado lembrou, a este respecto, que podería producirse unha “colisión de intereses” entre o proxecto de Gestamp e Navantia, pois “a día de hoxe” a primeira é unha “firme competidora” do grupo naval no sector da eólica mariña, na que Navantia ten moitas expectativas no futuro inmediato –por exemplo, o parque que Iberdrola vai construír no Mar do Norte-. 

A central nacionalista afeoulle tamén a conduta ao PP, quer na Alcaldía de Ferrol quer na Xunta de Galiza, que, sinala Amado, “lanzándose ao baleiro avalando unha proposta sen analizar a súa incidencia, só ocultan a súa falla de política industrial” para Ferrolterra e demostran, remata, que o único “importante para eles é o calendario electoral”. 

CIG ve "electoralista" o anuncio de que a eólica Gestamp pretende os terrenos de Astano
comentarios