A CIG rexistrou no Parlamento de Galiza a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de “Medidas para a nova xestión dos saltos e aproveitamentos hidroeléctricos no territorio de Galiza”, unha proposta que que ten como obxectivo reverter á xestión pública os saltos e aproveitamentos hidráulicos; a revisión de todas e cada unha das concesións galegas, para ver se están cumprindo as cláusulas establecidas nas mesmas e que, 3 anos antes de que remate unha concesión, a administración inicie xa os trámites administrativos previos para a súa reversión, evitando que regrese ao negocio privado.
Paulo Carril, secretario xeral do sindicato, manifestou que “os poderes públicos e a Xunta teñen que xogar un papel fundamental” para “evitar que o oligopolio das eléctricas provoque, como está a ocorrer, peches de empresas; que non se poida utilizar a nosa enerxía para a industrialización e xeración de emprego”.
Carril –que rexistrou a ILP xunto con Susana Méndez, secretaria de Organización; Xoán Xosé Bouzas, secretario nacional da CIG-Industria e Fernando Branco, responsábel do sector de Enerxía da CIG-Industria- lembrou otras iniciativas presentadas pola central nesta mesma liña, como a ILP para unha tarifa eléctrica galega ou a máis recente proposta de creación dunha tarifa industrial estábel.
A ILP pretende que os saltos e as centrais hidroeléctricas -que son concesións públicas outorgadas a empresas por un máximo de 75 anos, “sen ningún tipo de compensación para Galiza, malia o dano ambiental e social que provocan” - revertan de novo ao poder público e a Xunta, para a explotación deses encoros ben a través dunha empresa pública ou directamente.
O secretario xeral da CIG tamén se pronunciou sobre o anuncio da ministra de Traballo de que o goberno non ía intervir en Alcoa. Carril defendeu que “o aluminio é un sector estratéxico para a economía galega”, ao igual que a enerxía. Lembrou que Alcoa estivo no seu día no sector público e afirmou que “na SEPI, sería o lugar axeitado onde esta empresa tería que reincorporarse, se Alcoa persiste na súa idea de pechar”.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciou ademais que Valerio se reunira en Galiza cunha parte dos sindicatos. “A CIG é a primeira central sindical en Galiza e a nós onte non se nos convidou a esa reunión”.