CIG reprocha a Feixoo que “dimita” nas súas competencias para defender a industria galega

Pide á Xunta que asuma un “papel activo” na adquisición pública de Alcoa.

ALCOA PARLAMENTO
photo_camera Representantes da CIG nos comités de Alcoa Coruña, Ferroatlántica Sabón, Ferroatlántica de Cee–Dumbria e Alcoa San Cibrao, xunto co secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas e o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na sesión parlamentar.

Núñez Feixoo deixou claro na sesión parlamentar de preguntas ao presidente que non toma en consideración a proposta do BNG de compra de Alcoa por parte do sector público. É unha baza, a adquisición pública da planta coruñesa, que a Xunta non pensa xogar. A pesar de documentos que avalan a “legalidade” e “viabilidade” desa medida, como o “‘Informe xurídico sobre a adquisición das factorías de Alcoa na Coruña e Avilés’, elaborado polo Profesor titular de Dereito Administrativo na UDC, Carlos Aymerich, un traballo encargado pola CIG.

Precisamente este sindicato volveu instar á Xunta a que asuma “un papel activo” na adquisición pública de Alcoa na Coruña. O seu secretario xeral, Paulo Carril, considerou lamentábel o posicionamento de Feixoo por eludir, como Presidente da Xunta, toda responsabilidade.

“A Xunta ten competencias en materia de industria que non está exercendo”, asegurou. “Se falamos de Alcoa, a Xunta négase a facer unha fronte na defensa da nosa industria, porque nun país como o noso, produtor e exportador de enerxía, non poden estar en risco empresas polos altos prezos da enerxía”.

No caso concreto de Alcoa, para Carril o goberno da Xunta “ten que asumir un papel protagonista abandeirando a adquisición pública da planta da Coruña como medida transitoria ante a ausencia dun comprador e dun marco enerxético estable”.

Fronte a isto, e “diante da incompetencia do goberno español” a alternativa de Feixóo é “dimitir, na práctica, de exercer as súas competencias, tanto estatutarias como políticas, na defensa da industria galega”, denunciou.

Comentarios