CIG reitera a CCOO e UXT a necesidade dunha convocatoria unitaria de Folga Xeral

Suso Seixo cre que o exemplo de Ferrol, onde a vindeira cuarta feira haberá un paro na comarca convocado polos sindicatos maioritarios, é unha fórmula acaída para outras comarcas en dificultades (Vigo), así como para desenvolver a nivel nacional

Folga Xeral

A comarca de Ferrol está chamada esta cuarta feira (12 de xuño) a unha folga, unha protesta convocada desde a unidade sindical e coa finalidade de dicer un "abonda xa!" rotundo á destrución de emprego en Ferrolterra, alén de ao abandono da zona.

Este exemplo é o que o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, considera que se pode dar tamén en Vigo, mais fuxindo de imitacións ou mimetismos. Porén, e tras o anuncio de Bruxelas de que hai que devolver axudas de tax-lease (un mazazo máis para o naval vigués), Seixo entende que a folga xeral na comarca olívica se abre camiño como resposta. Unha resposta, tamén, unitaria.

"Promover unha folga en Galiza para defender os postos de traballo,porque a situación na que estamos é calamitosa"

Nunha entrevista en RNE, o secretario xeral da CIG manifestou que foi "fundamental" o acordo ao que, "afortunadamente", se chegou entre as tres forzas sindicais maioritarias (UGT, CC.OO. e CIG) para a folga xeral comarcal en Ferrolterra.

"Non descartamos mesmo, nos próximos meses, se fose posible e así puxésemonos de acordo todas as organizacións sindicais maioritarias de promover unha folga en Galiza de defender os postos de traballo porque a situación na que estamos é calamitosa", apostou Suso Seixo.

Unidade: desde abaixo e ao servizo da clase traballadora

Neste sentido, referiuse ás "grandes dificultades para poñerse de acordo" entre os sindicatos, xa que "non pode ser cousa dun día ou das cúpulas", pois "hai que construíla dende abaixo para que realmente sexa operativa para a clase traballadora".

Seixo apuntou a que a única fórmula de contestación "non é a folga", pois se hai "muitos" actos, peches e manifestacións que protagonizou a CIG nos últimos tempos, si que fixo fincapé en que "a folga xeral ten unha connotación política importante" como "un exercicio de poder de toda a clase traballadora de confrontación" ante "políticas tan antiobreiras e antisociais".

Comentarios