CIG querelarase contra a concesionaria da ITV por vulnerar a liberdade sindical

A central sindical nacionalista toma esta decisión tras o despedimento dun dos seus delegados no Comité de Empresa de Supervisión y Control.
Protesta diante da audiencia provincial de Pontevedra
photo_camera Protesta diante da audiencia provincial de Pontevedra

A empresa concesionaria da Inspección Técnica de Vehículos, Supervisión y Control (SyC), tería incorrido nun delito contra a liberade sindical ao despedir a un delegado sindical o pasado mes de maio, por ter feito uso de horas sindicais durante a negociación do convenio colectivo. Así o denuncia a Confederación Intersindical Galega, á que pertence o despedido Antonio Rosales. A central sindical nacionalista querelarase por este motivo, polo que xa desenvolveu diferentes protestas, contra SyC.

Os motivos desta querela criminal para o avogado da CIG son obvios xa que “está moi clara a actuación gravisimamente irregular da empresa, que o despediu porque a súa actividade sindical lle era molesta”. O anuncio tivo lugar esta mañá, precisamente cando se desenvolvía o xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra no que Rosales reclama a nulidade do seu despedimento e exixe a súa readmisión na estación da ITV en Bueu. Aliás, o xuízo ten lugar logo de que o delegado non aceptase un acordo no SMAC no que a empresa lle ofrecía una indemnización mais se negaba a que regresase ao seu posto de traballo.

O delegado da CIG contou co apoio solidario de máis de dous centos compañeiras e compañeiros do sindicato, que se concentraron as portas da audiencia desde primeiras horas da mañá.

Despedido por facer uso das horas sindicais

O xuízo ficou listo para sentenza na sala 5 do Xulgado do Social número 2 da capital do Lerez. Na vista de hoxe, que se prolongou por espazo de dúas horas, o letrado de Rosales defendeu que a causa real do despedimento non foi o presunto uso de horas sindicais sen xustificación, senón una “intromisión ilexítima na liberdade sindical”.

O avogado demandou a nulidade do despido lembrando que as e os representantes sindicais só teñen obriga de comunicar a utilización das horas ás que por lei teñen dereito para o desempeño das súas función, e non a solicitar permiso para estas. A empresa recoñeceu que o delegado despedido sempre comunicara con antelación suficiente que ía facer uso das horas. Así o declarou o responsábel da ITV de Bueu no seu testemuño a petición de SyC.

Os argumentos da empresa para xustificar o despedimento non puxeron en cuestión que as horas fosen utilizadas polo despedido para tarefas de carácter sindical, nin rebatían o feito de que desde a empresa nunca se lle comunicara ao traballador que estaba facendo un uso indebido destas. Como pano de fondo está a negativa da central sindical nacionalista a asinar o convenio proposto pola empresa, ao entenderen desde a CIG que resultaba discriminatorio coas persoas con discapacidade intelectual.

Comentarios