CIG reitera a CCOO e UGT a proposta de folga xeral para o 26 de setembro

O sindicato nacionalista valorou a necesidade dunha resposta contundente ao deterioro económico, social e político
Manifestación contra o PP na folga xeral
photo_camera Manifestación contra o PP na folga xeral

O secretariado confederal da CIG, reunido na mañá deste luns en Compostela, valorou a necesidade de convocar xa unha folga xeral. Unha decisión que entende axeitada oerante "o deterioro da situación económica, política e social que, segundo todo indica, seguirá a agravarse, e ante a perspectiva de que mesmo se produza un segundo rescate ao Estado español, que provocaría a imposición de medidas moito máis duras das xa aprobadas".

Por iso a CIG proporá a CCOO e UGT a convocatoria de folga xeral para o 26 de setembro. A central nacionalista entende que "é necesario enviar unha mensaxe clara ao goberno do Estado español e ás institucións europeas do rexeitamento que provocan as políticas de recortes antisociais que se veñen aplicando".

Quedou pendente de concretar con CCOO e UGT a convocatoria de manifestacións comarcais en torno ao día 21 de setembro. Mantense, en todo caso, a convocatoria de concentracións en todas as comarcas, coincidindo co Consello de ministr@s, o vindeiro venres, día 31 de agosto. O secretariado tamén acordou dar o apoio da central sindical á convocatoria de manifestación nacional da Área Pública, prevista para o día 8 de setembro en Compostela, en defensa dos servizos públicos.

Eleccións

Respecto da convocatoria das eleccións autonómicas para o vindeiro 21 de outubro, a CIG entende que se o PP  as adianta “non é co ánimo de ter un goberno e un Parlamento máis estábel, senón en función dos seus intereses partidistas e electorais”, sinala Suso Seixo.

O secretario xeral da CIG considera que o Partido Popular pretende evitar os custos electorais que terán as duras medidas que se irán aprobando nos próximos meses, coas que “seguirán afondando no recorte de dereitos e deteriorando aínda máis as condicións laborais e de vida da maioría social”. Entre outras, subliñou o endurecemento dos requisitos para acceder ás prestacións por desemprego, maiores reducións salariais, tanto no sector público como no privado, ou novos recortes nas pensións.


Comentarios