CIG propón que os directivos de Novagalicia Banco cobren o mínimo legal do plan de pensións: 1 euro

O sindicato lembra que estes directivos, embora a súa responsabilidade na xestión, recibiron xa indemnizacións millonarias

O pasado 27 de abril a CIG-Banca solicitaba a convocatoria urxente da comisión negociadora para a integración dos plans de pensións de Caixa Galicia e Caixanova, que finalmente foi convocada pola empresa para o 9 de maio. Nesa xuntanza, CIG-Banca defenderá chegar a un acordo, sen máis dilacións, por entender que adiar a negociación de integración dos plans de pensións pode levar á súa transformación nun fondo interno, perdendo dereitos. Ademais, proporá reducir a prestación con cargo ao plan de pensións aos ex directivos a un euro.

 A CIG-Banca entende que a posíbel absorción por un banco que teña internos os compromisos en materia de previsión social (Grupo Santander), sen que tivermos un acordo en novagalicia que garanta a existencia dos Plans de Pensións, “sería entregarnos atados de pés e mans”.

Na propia comisión negociadora, e tras coñecer a noticia de que os ex-directivos que recibiron indemnizacións multimillonarias poderían percibir prestacións que, segundo algúns medios, chegarían aos 33 millóns de euros, CIG-Banca proporá reducir a prestación con cargo ao plan de pensións que lle correspondería a estes directivos a 1 euro. “Unha proposta que pensamos ten toda a lexitimidade e que ten amparo legal”, explican. Lembran que estes ex directivos están sendo investigados por anticorrupción, tras a denuncia da CIG, que ten citado para final de mes a varios vogais dos Consellos de Administración das antigas Caixas.

De se aprobar esa proposta por parte da empresa e dos outros sindicatos, CIG-Banca entende que non sería preciso levar adiante o recorte das achegas pactado no ERE III para o conxunto dos traballadores e traballadoras da entidade.

Comentarios