CIG presenta unha ILP para dar a batalla na rúa, fábricas e Parlamento pola creación de emprego

A Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) propón actuacións en política laboral, industrial ou fiscal para procurar “un desenvolvemento económico e social sustentábel” que supoña “aumento do emprego”.

CIG presenta ILP polo emprego
photo_camera CIG presenta ILP polo emprego

A creación de emprego é a principal demanda da sociedade galega, consciente de que cunha taxa de paro do 23% a porta que se abre, en palabras de Suso Seixo, secretario xeral da CIG, é a da “pobreza, a precariedade, a emigración...e a da febleza da propia clase obreira”. E crear traballo é posíbel, sinalan desde a central nacionalista. Iso si, para crealo hai que abandonar “o paradigma económico neoliberal” e apostar pola economía produtiva.

“Amplos sectores da nosa sociedade que demandan unha saída da crise favorábel á clase traballadora”

Coa finalidade de abrir o debate e de procurar andar o camiño para ese outro modelo, a CIG presentou esta terza feira a Iniciativa lexislativa Popular (ILP) para a creación de emprego. “Nesta iniciativa recollemos propostas no eido industrial, financeiro, social, laboral...” sinalou Xesús Seixo, que entende que no Parlamento galego debe debaterse un tema tan importante.

“É posíbel”

“É posíbel facer políticas que xeren emprego”, remarcou Seixo, que na presentación da ILP estivo acompañado por Fransco Miranda, secretario confederal de Comunicación,e o secretario confederal de Emprego, Miguel Malvido. “Moitas das propostas desta ILP poden ser adoptadas polo Parlamento e o goberno galego. Hai outras que dependen doutras instancias, como o executivo español, mais demandamos que se pidan as transferencias”.

O secretario xeral da CIG incidiu en que con esta ILP quere darse o debate “na sociedade, nas fábricas e centros de traballo” para atinxir apoios que permitan que chege o Parlamento.

Na ILP afírmase a “necesidade de dar voz aos amplos sectores da nosa sociedade que demandan unha saída da crise favorábel á clase traballadora e feita desde unha perspectiva de defensa dos dereitos nacionais de Galiza”.

Comentarios