A CIG presenta alegacións contra a Lei de Transición Enerxética

A central sindical carga contra o texto legal por invadir competencias dos distintos territorios do Estado español e deixar todo "en mans privadas" sen "ningún espazo para o público"
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, no transcurso da rolda de prensa (Foto: Arxina).
photo_camera O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, no transcurso da rolda de prensa (Foto: Arxina).

A Confederación Intersindical Galega (CIG) anunciou a presentación de alegacións contra o proxecto de lei de transición enerxética, un texto legal que ve "centralista" ao "invadir competencias" dos distintos territorios do Estado español e que "deixa todo en mans privadas" sen "ningún espazo para o público". As propostas, un total de 26, foron presentadas ao BNG no Congreso, que se comprometeu a rexistralas "na súa integridade". O prazo para alegar concluía esta cuarta feira, aínda que houbo solicitudes para ampliar dito prazo.

En rolda de prensa, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advertiu da "desertización de comarcas enteiras" da Galiza que podería provocar un texto que na práctica suporá o "desmantelamento total" do tecido produtivo, en liña co ocorrido coas centrais térmicas de Meirama (Cerceda) e As Pontes.

Neste contexto, criticou a "absoluta inacción" da Xunta ante unha proposta de lei que ten, ao seu xuízo, "carácter máis propagandístico que de cambios reais", e avogou por "avanzar en soberanía para Galiza" e pór "a enerxía ao servizo do pobo".

Entre outras cuestións concretas, as emendas da central nacionalista expoñen medidas para a nova xestión dos saltos e aproveitamentos hidroeléctricos, coa vista posta no seu "rescate", unha "moratoria indefinida" para novas plantacións de eucaliptos e a prohibición dos cultivos enerxéticos.

Tamén demanda a supresión do artigo referido á planificación e xestión do dominio marítimo terrestre, por "inaceptábel" polo que suporá para toda a industria relacionada co mar (cocedoiros, depuradoras, plantas acuícolas...), tal e como explicou Dolores Martínez Castelo, responsábel da Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte, Téxtil e Telecomunicacións e actividades afíns.

No que atinxe á industria, o representante da CIG, Fernando Branco, tachou a norma de "lei de mercadotecnia" e lamentou que non se aproveite para estabelecer unhas condicións para as industrias electrointensivas, como Alcoa, á espera da aprobación dun estatuto propio. Pola súa banda, Xoán Xosé Bouzas avisou das consecuencias sobre a automoción. "Podemos presaxiar o mesmo deserto industrial que coas térmicas", augurou, polas exixencias de redución de emisións.

Comentarios