Pola Audiencia Nacional española pasarán para seren xulgados Julio Fernández Gayoso, José Luis Pego e Javier García de Paredes, directivos das antigas caixas de aforro galegas. Mais non o fará, segundo o auto ditado polo tribunal, o ex-director de Caixa Galicia, José Luís Méndez.
José Luís Méndez percibiu unha indemnización de 15 millóns de euros após abandonar o cargo de director xeral de Caixa Galicia
Após coñecer a noticia o secretario nacional da CIG-Banca, Clodomiro Montero, demandou que Méndez tamén sexa incorporado á causa de acordo coa demanda presentada pola propia central sindical nacionalista e que deveu na abertura de xuízo oral contra a cúpula de Caixa Galicia e Caixa Nova.
Neste senso, Montero salientou que o ex-director obtivo "15 millóns de euros" de indemnización após deixar o cargo, para alén dos "2,7 millóns de euros aprobados polo Consello de Administración" da entidade financeira. Razóns que ao entender da CIG, son suficientes para incluír o nome de Méndez na listaxe de directivos a xulgar.
"Sorprende que nuns casos se xulga e noutros non", advertiu Clodomiro Montero en declaracións á Cadena Ser. "Semella que hai persoas inviolábeis coma se foran auténticos reis", acrecentou.