CIG pide o cese do representante do PP no consello da CRTVG por impagos a unha traballadora

O sindicato solicita a Núñez Feijóo o cese inmediato de Iravedra Lestal deste cargo, pois négase a pagar 5.000 euros a unha traballadora malia existir sentenza xudicial firme que lle obriga a iso

A CIG vén de remitir mediante burofax un escrito á sede do PP de Lugo mediante o cal solicita ao presidente provincial do PP, José Manuel Barreiro, e a Núñez Feijóo que cesen de inmediato a José Luis Iravedra Lestal como representante do PP no consello de administración da CRTVG. A petición baséaa desde a central nacionalista en que esta persoa, que tamén forma parte da dirección provincial do Partido Popular en Lugo, non pode seguir ocupando o devandito cargo "por non cumprir coas súas obrigas e por mentireiro".

José Luis Iravedra Lestar negase de forma reiterada  a pagar os 5.000 euros que adebeda a unha traballadora malia existir unha sentenza xudicial firme que lle obriga a iso. Esta actitude do alto cargo popular levou á CIG ao embargo de bens do despacho Iravedra Ingeniería S.L, ubicado na Rúa Río Sil de Lugo.

Para a central nacionalista, a actitude de Iravedra non é unha novidade, pois xa anteriormente estivo en procesos xudiciais por motivos semellantes. A negativa a aboar os 5.000 euros, ademáis, responde a unha "actitude de chularía e prepotencia" pois, sinala a CIG, "esa cantidade non é tan alta como para que non poida facerse cargo dela mais si que supón unha cuantía moi importante para a traballadora".

Comentarios