A CIG oponse ao “paro da patronal” do transporte pois “nada ten a ver coas necesidades do persoal”

A central rexeita o uso demagóxico que fai o empresariado dos condutores para xustificar socialmente a convocatoria.

 

Varios camións agardando nunha central loxística de transporte (Alberto Ortega / Europa Press).
photo_camera Varios camións agardando nunha central loxística de transporte (Alberto Ortega / Europa Press).

A CIG considera que a patronal do transporte está a utilizar os condutores e condutoras como “subterfuxio para xustificar a convocatoria dun paro patronal, que nada ten a ver coas necesidades do persoal”.

"Estamos diante de puras reivindicacións patronais que agochan unha loita por un mercado que cada vez ten mellores expectativas, tal e como acredita o aumento das tarifas e da actividade, mentres se pretende consolidar a precariedade laboral e manobrar para esquivar a lexislación vixente, especialmente no que ten a ver cos descansos e a seguridade", subliña Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, a través dun comunicado

Pastoriza compareceu en rolda de prensa para manifestar a postura da CIG ante a convocatoria de paro do Comité Nacional do Transporte por Estrada que, reiterou, "non se trata dunha folga de traballadores e traballadoras senón dun paro patronal", pois, indica, non hai que perder de vista que este comité é un organismo asesor do Ministerio de Transportes e está composto exclusivamente por asociación empresariais.

O representante da CIG fixo unha radiografía da situación laboral no sector, incidindo en que está marcado polos baixos salarios, a elevada temporalidade, a falta de recoñecemento das enfermidades profesionais ou as xornadas abusivas.

Sobre este último punto, Pastoriza denunciou que  moitas empresas obrigan o persoal de condución a 'falsear' a posición do tacógrafo e a poñer como tempo de descanso o tempo dedicado a outras actividades ou de dispoñibilidade "para poder así facer máis horas de condución, cos riscos que isto implica".

"Chama a atención que a patronal se queixe da falta de profesionais, cando en ningún momento dende que anunciaron o paro puxeron enriba da mesa a necesidade de mellorar as retribucións e as condición de traballo", denuncia

A isto engádese que hai convenios colectivos que levan anos sen negociar, dixo, ou que están renovados pero cun subas salariais mínimas, sen incrementos noutros conceptos retributivos, e sen melloras en materias como a contratación. A situación, apunta Pastoriza, aínda é peor no transporte en furgoneta, coche ou moto, "onde é imposíbel o control da xornada e os salarios están moi preto do SMI".

"Chama a atención que a patronal se queixe da falta de profesionais, cando en ningún momento dende que anunciaron o paro puxeron enriba da mesa a necesidade de mellorar as retribucións e as condición de traballo", denuncia.

 "O que buscan é presionar o goberno para lograr unha regulación á súa medida, que abarate custes e consolide a precariedade laboral, nun sector en constante medre, pero que dende o inicio da pandemia aínda tivo unha evolución mellor", aclara Pastoriza.

O estado do transporte de mercadorías é de tal natureza que, fundamentalmente desde a UE, estase cambiando continuamente a lexislación para un maior control da picaresca patronal. De feito, nos últimos tempos, ademais das disposicións en materia sancionadora nos pesos e medidas ou o control sobre as "empresas buzón", aprobouse utilizar unidades móbiles da ITV para facer controis nas estradas, así como a posta en marcha do "tacógrafo intelixente", que se conectará por GPS á administración”.

Comentarios