martes 24/11/20

CIG oponse ao ERE en Paradores por supor 100 despedimentos na Galiza e exixe a dimisión da presidenta

A central nacionalista denuncia que na elaboración do ERE participaron até seis empresas de consultoría privadas, "o cal supón un elevadísimo coste para unha empresa que está dicindo que ten unha mala situación económica". Os grupos parlamentares de BNG e AGE reuníronse cos e coas traballadoras

A CIG manifesta o seu "total rexeitamento" ao ERE que está levando a cabo a empresa Paradores en todo o estado "e en especial no que fai referencia aos centros ubicados en Galiza". En plena negociación do convenio estatal que afecta ós paradores de Galiza excepto ó do Hostal dos Reis Católicos que ten convenio propio e que tamén se estaba negociando ata que a empresa respondeu en ambos casos presentando un ERE que suporá a perda de case 100 postos de traballo en Galiza, incluíndo o peche definitivo dos paradores de Ferrol e Verín, así como o peche parcial no caso de Monforte e San Estevo, Vilalba e Tui e destrucción de postos de traballo no resto de centros do noso país.

A central nacionalista denuncia que na elaboración do citado ERE participaron "até seis empresas de consultoría privadas o cal supón un elevadísimo coste para unha empresa que está dicindo que ten unha mala situación económica". Alén disto, o sindicato tamén denuncia que Paradores "siga tendo a día de hoxe unha presidenta, a señora Ángeles Alarcó, ex esposa de Rodrigo Rato, que ten un salario de 180 mil e cuxas funcións como tal son completamente descoñecidas para as e os traballadores, e á cal dende a CIG lle esiximos a súa inmediata dimisión".

Os grupos parlamentares de BNG e AGE reúnense cos e coas traballadoras

A este respecto, representantes [email protected] [email protected] manteron un encontro esta segunda feira coa deputada do BNG Ana Pontón, transladándolle a súa preocupación e demandas perante o ERE e ao anuncio de pechede varios centros feito polo goberno do Estado. A parlamentar comprometeuse a levar estas reivindicacións ao Parlamento e ao Congreso, ao considerar que a Xunta "ten que porse do lado dos traballadores ou será cómplice dun deseño privatizador totalmente negativo para Galiza". 

En termos semellantes expresáronse desde o grupo parlamentar de AGE, que tamén manteu unha xuntanza co cadro de persoal dos paradores. Exixiron que Núñez Feijóo diga "de maneira urxente" que medidas vai tomar perante a situación laboral "de indefensión" en que se atopan, e anunciaron que, mediante unha proposición non de lei, instarán á Xunta a se facer cargo destes centros "como patrimonio cultural que son", así como a garantir os postos de traballo. 

comentarios