CIG non asumirá un plan industrial para Sabón que supoña a escisión da planta do resto de Ferroatlántica

ferroatlantica sabon

Os delegados da CIG na fábrica de Ferroatlántica de Sabón abandonaron a reunión que a empresa tiña convocada para negociar un "plan industrial" de melloras, por considerar que condiciona os posíbeis investimentos a que o persoal acepte a escisión desta factoría de Arteixo da unidade industrial, no marco da operación de venda das fábricas e centrais da Costa da Morte.

“A sección sindical da CIG non vai avalar esta manobra nin negociará ningún acordo mentres a Xunta non se pronuncie sobre a legalidade da operación e mentres a empresa non presente un plan de viabilidade conxunto, como fixo no ano 1992 cando o Grupo Villar Mir adquiriu os activos de Carburos Metálicos”, indica o sindicato nacionalista.

A sección sindical da CIG denuncia que o proceder de Ferroatlántica é semellante ao que seguiu no ano 2017, cando tentou que o Goberno lle autorizara a segregación e venda das centrais hidroeléctricas e para isto forzou á representación social a asinarlle un acordo de investimentos que nunca chegou realizar.

Comentarios