As mobilizacións que o PP quixo prohibir xuntan máis de 50.000 persoas en toda Galiza

Milleiros de persoas responderon nas rúas da Galiza ás políticas de recortes e ataques dos gobernos da dereita na Xunta e no estado. Foi nunha xornada de protestas convocada pola CIG onde o berro máis ouvido voltou ser a chamada a unha folga xeral. A convocatoria en Portugal por parte da CGTP para o 14 de novembro podería ter eco aquén da raia
Manifestación da CIG en Vigo
photo_camera Manifestación da CIG en Vigo

Máis de 50.000 persoas saíron esta quinta feira á rúa en nove cidades e vilas da Galiza para rexeitar as políticas de recortes nos eidos económico e social do Partido Popular nunha xornada de protestas convocada pola CIG para amosar o descontento que existe entre a cidadanía contra ás políticas de recorte e axustes aplicadas polos Gobernos do PP na Xunta e o estado. A Galiza que deixan após tres anos de goberno ten o dobre de persoas anotadas no paro das que había cando Feijóo chegou á Xunta. Xa que logo, a consigna era clara: Paremos o PP. Hai alternativas.

"Non é casual que se escolla esta data", sinalou Suso Seixo, secretario xeral do sindicato que convocou, a CIG, quen tomou parte na mobilización de Vigo. Deu Seixo até tres motivos para xustificar estas mobilziacións no 4 de outubro, posto que a mesma "non foi casual". Para alén do arranque da campaña electoral, tamén está que acaban de ser aprobados os orzamentos xerais do estado, e a proximidade dun novo rescate.

O PP ''atenta tamén contra os dereitos democráticos'' en Lugo
Aliás, o secretario xeral da central nacionalista tamén fixo referencia á tentativa do PP de prohibir as mobilizacións da CIG, que contaban coa autorización das subdelegacións do goberno. Argumentou que nelas “desaconsellan o voto a unha formación política”. Porén, a Xunta Electoral de Lugo, declarouse incompetente para resolver a denuncia.

Nesta liña, Xosé Ferreiro, secretario comarcal da CIG en Lugo, denunciou que o Partido Popular nesta cidade presentase unha demanda perante a Xunta Electoral de Galiza e tentase con ela “ilegalizar as mobilizacións” convocadas para esta quinta polo sindicato nacionalista. Neste sentido, Ferreiro subliñou que a máis “de atentaren contra os dereitos sociais, percíbese unha clara intención de recortarnos os dereitos democráticos”.

Colocou Ferreiro os motivos que levaron a 1.500 lucenses a se botaren ás rúas: "Aquí temos unha peculiaridade pola cal, calquera medida que se tome, ao non termos industria, ten unha incidencia maior”. Asemade, o posíbel peche da factoría de Alcoa –cuxa contribución ao PIB da provincia ascende ao 35%— "pode ser desastroso".

''Unha de cada dez persoas que te cruzas pola rúa en Compostela está no paro''
Outra das motivacións que o secretario xeral da CIG sinalou foi a recente aprobación dos Orzamentos xerais do estado, que "volven consolidar os duros axustes" practicados pola dereita "e cébanse coa maioría social". Destacou Seixo a previsión dun segundo rescate que semella inminente, e cuxa petición non se produciu aínda ao se pregar Rajoy perante os intereses do goberno alemán.

"Unha de cada dez persoas que te cruzas pola rúa en Compostela está no paro". Así de alarmante é o panorama que debuxou para a comarca compostelá o responsábel na CIG, Anxo Noceda. Se ao peche de setembro había pola volta de 8.900 desempregad@s, o sindicalista subliñou que "non é imposíbel" que ao remate de xaneiro a porcentaxe suba até o 30%, máis de 10 mil persoas. "Compostela non ten por onde medrar", apuntou en relación á proliferación de EREs nas empresas --aludindo ao recente en Panrico-- e a un tecido industrial "practicamente inexistente".

A xeración de emprego na comarca estivo sempre ligada ao sector servizos, nomeadamente ao turismo; á área pública e ao metal naquelas factorías que dependían da construción. Explicou Noceda que desde 2009 e fundamentalmente en 2010 este último sector "practicamente non ten actividade", o turismo sufriu unha caída importante e os recortes cebáronse cos e coas empregadas dos servizos públicos, sobre todo a nivel de taxas de reposición e no eido sanitario. A supresión da paga extra de decembro "traerá unha redución drástica do consumo en comercio e hostalería", polo que Noceda ten claro que, a pesares da situación "dramática" que vive a comarca, "aínda non tocamos fondo". De continuar con estas políticas, en 2013 a situación será "moito peor".

Os EREs en Pontevedra ''duplicáronse nun ano grazas ás políticas de austeridade''
E namentres, as contas de Madrid reservan tamén case 40 mil millóns para facerlles fronte aos xuros da débeda. Fronte a isto, quen secundou as protestas da CIG tíñao claro: Non debemos, non pagamos. Dicíano cartaces que se deixaban ver entre @s 3 mil manifestantes de Pontevedra, comarca que vive maioritariamente do sector servizos e onde a liberalización dos horarios comerciais aprobada polo goberno español "deixou un panorama desolador que estaba planificado".

Explicou o secretario comarcal da CIG na comarca pontevedresa, Rafael Iglesias, que as empresas en concurso e os EREs eventuais ou de extinción "duplicáronse nun ano grazas ás políticas de austeridade" promovidas desde a Xunta. Queixóuse o sindicalista que na Galiza "existe un problema real de crise e temos uns gobernantes preocupados pola banca". Apuntou cara ás factorías auxiliares de Citroën, o sector naval, a construción ou a expulsión da flota cefalopodeira galega das augas de Mauritania, agravada ao non teren cobrado aínda estes traballadores as axudas por parada forzosa que debería achegar o Goberno español como sectores especialmente afectados.

O de Feijóo foi ''o peor executivo'' para a comarca de Vigo na etapa democrática
Antes de concluír, Suso Seixo repasou en Vigo medidas a conxelación salarial a empregad@s públic@s, máis reformas laborais e dereitos fundamentais como a educación ou a sanidade que van polo camiño da privatización "e a súa entrega á empresa privada". Desde a comarca viguesa, o secretario comarcal da CIG, Serafín Otero, considerou que hai motivos máis que xustificados para sairen á rúa. Feijóo "freou en seco o motor económico da Galiza", sinalou Otero, incidindo nos "efectos devastadores" das políticas populares en sectores coma o metal, a pesca ou o granito.

"Tras estes tres anos e medio de goberno do PP na Xunta, Vigo está na agonía", afirmou Otero, quen calificou o goberno autonómico do PP "do pior executivo para esta comarca" da etapa autonómica. O sindicato nacionalista enumera as actuacións do goberno popular lesivas para esta contorna, destacando aspectos como o Pemex ou o Hospital, mais salientan que "deixou a Vigo totalmente tocado a nivel industrial, que é o noso motor". Na manifestación que percorreu a cidade participaron máis de 15 mil persoas.

''Malestar xeneralizado" en Ourense pola "burla" do PP á cidadanía
Na comarca ourensá foron máis de 2 mil as persoas que saíron ás rúas para visibilizaro o "malestar xeneralizado" que existe após os tres anos de goberno do PP na Xunta. Dixo Etelvino Blanco, resposábel comarcal da central nacionalista, que o Plan Impulsa que Feijóo levaba no seu programa electorar "foi unha burla, propaganda", pois o pulo comprometido para os sectores produtivos co obxectivo de fomentar o emprego non chegou a se producir. Na cidade das Burgas hai hoxe 4 mil desempregad@s máis que en 2009, subindo a cifra total até as 28 mil.

Dos cinco parques empresariais que dixeron que construirían --A Gudiña, Allariz, Taboadela, Viana e Verín-- "non só non se fixo ningún, senón que se descartou aquel que o bipartito tiña como gran parque", en referencia ao do Val da Rabeda, en Taboadela. A mellora das comunicacións entre Valdeorras e a capital, a autovía a Lugo e a ligazón da autovía de Celanova con Portugal "tampouco existen". Nos tres anos "non houbo inversión ningunha" no Complexo hospitalario de Ourense --CHOU--, e os barrios do Couto e do 21, Barbadás e Pontevea seguen sen centro de saúde.

Para alén das cifras sinaladas até aquí, 8 mil persoas na Coruña, 10 mil en Ferrol, ao redor de mil no Salnés e 250 na Mariña completan a asistencia a unhas mobilizacións onde o berro máis repetido foi o mesmo: o chamamento a unha folga xeral. A convocatoria da CGTP-IN en Portugal para o vindeiro 14 de novembro poderían ter eco tamén aquén da raia.

Comentarios