CIG insta o Parlamento a se mover en apoio ao naval de Ferrol

Unha delegación do sindicato reuniuse con representantes dos grupos da oposición para informar que  a carga de traballo actual para o cadro de persoal principal remata no verán.

Unha delegación da CIG-Industria mantivo esta cuarta feira reunións cos grupos parlamentares de AGE, PSOE e Grupo Mixto para demandalos a apoiar medidas e actuacións en defensa do naval de Ferrol. Unha xuntanza que segue á realizada a semana pasada co grupo do BNG e que se enmarca na rolda de entrevistas institucionais do sindicato nacionalista para garantir “futuro para os estaleiros” da comarca ferrolá. A CIG non tivo resposta do PP á súa solicitiude de reunión.

O responsábel de CIG-Industria, Xoán Xosé Aboi, transmitiu a súa preocupación pola situación que atravesa o sector naval na ría de Ferrol, denunciando un proceso de progresivo desmantelamento dos estaleiros e que está a ter graves repercusións, polo seu carácter estratéxico, na economía da comarca. A delegación explicou que a carga de traballo é “practicamente inexistente”. Alertaron de que todos os investimentos que se están facendo neste momento “están dirixidos a cargarse o sector na ría de Ferrol” e que aínda habendo compromisos positivos de carga de  traballo no sector eólico, “nin temos a tecnoloxía, o que nos fai dependentes, nin xera I+D, nin é man de obra directa do estaleiro a que se emprega”.

Advertiron que a carga de traballo actual para o cadro de persoal principal remata no verán e manifestaron a súa preocupación polo Plan de Restruturación co que se pretende redefinir Navantia. Un plan que cualificaron de “axuste” e que reduciría a 1.300-1.500 traballadores o persoal en todo o Estado. 

A delegación sindical fixo entrega aos deputados dun documento no que sintetizan as súas demanda que pasan por garantir a titularidade pública de todos os centros de traballo de Navantia da ría de Ferrol; impulsar un Complexo Integral que abranga todos os ámbitos da construción naval (civil, militar, reparacións, fabricación de bens de equipo, potenciación de turbinas, OFF-Shore, eólica mariña e resto de enerxías renovábeis…) e que este sector sexa defendido como estratéxico en Galiza.

Comentarios