A CIG exixe "cambios substanciais" na prórroga do decreto contra a crise de prezos

O secretario xeral da central sindical, Paulo Carril, insistiu no paquete de medidas proposto pola CIG para atallar a crise de inflación dos últimos meses.
Manifestación da CIG contra a pobreza (Foto: CIG).
photo_camera Manifestación da CIG contra a pobreza. (Foto: CIG)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de facer público un comunicado no que reclama "cambios substanciais" na prórroga do decreto de medidas contra o impacto económico da guerra, que o Goberno español ten previsto aprobar este sábado nun Consello de Ministras e Ministros extraordinario.

Para o principal sindicato galego quedou demostrada a "insuficiencia" das medidas contempladas no primeiro plan de choque e reitera a necesidade de pór en marcha outras que "si permitirían dar resposta á carestía da vida e á crise económica que leva aparellada".

Nese sentido, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advirte que “canto máis tarde o Goberno en adoptar estas medidas para frear o empobrecemento da clase traballadora, máis inxustiza social estarase causando”.

Carril subliña que a resposta á guerra “non poden ser máis políticas neoliberais como as que contiña o anterior Plan de Resposta Económica”.

Aposta por "políticas públicas"

O secretario xeral da CIG demanda que o Executivo de Sánchez cese nos "chamamentos ao Pacto de Rendas" e aposte por "políticas públicas" para que os incrementos salariais e das pensións garantan o poder adquisitivo dos salarios ante o "imparábel incremento do IPC".

Con tal obxectivo, Carril reitera a proposta que a central sindical elaborou, composta dun paquete de medidas urxentes, para atallar o impacto que os altos prezos dos bens e servizos básicos están a ter sobre as clases populares.

“Propostas para avanzar nunha saída galega xusta da crise” que “requiren dunha decidida intervención pública e inciden en varios ámbitos para poder garantir unhas condicións de vida digna”, conclúe.

Comentarios