A CIG exixe "cambios profundos" nas políticas económicas e fiscais

O sindicato nacionalista saíu á rúa esta terza feira para reclamar políticas públicas e salarios dignos que permitan acabar coa "carestía da vida e as consecuencias da guerra".
Concentración da CIG na Coruña contra a pobreza de familias e traballadores en 2022. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Concentración da CIG na Coruña contra a pobreza de familias e traballadores. (Foto: Nós Diario).
A aprobación por parte do Consello de Ministras e Ministros do plan de resposta ás consecuencias da guerra en Ucraína anunciado polo Goberno estatal mobilizou apenas 24 horas despois o sindicato CIG, que esta mañá manifestouse nas principais cidades da Galiza para reclamar "medidas de intervención pública na economía e cambios profundos nas políticas económicas e fiscais para facer fronte ao desmesurado incremento da carestía da vida".

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, asegurou que a resposta á pobreza non poden ser máis políticas neoliberais nin que se pretenda impor, baixo a coartada do conflito na Ucraína, a contención salarial, impedindo así a recuperación do poder adquisitivo dos soldos e consolidando a pobreza laboral.

Carril cualificou de ineficientes e totalmente insuficientes as medidas anunciadas por Pedro Sánchez, pois decretar unha rebaixa de 20 céntimos nos combustíbeis sen limitar os prezos para a gasolina e o gasóleo non impedirá que sigan subindo.

"Consideramos que, mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta, débese fixar un prezo máximo de gasolina e o diésel, durante seis meses, tomando como base o importe medio que existía en gasolineiras o 24 de febreiro de 2022", explicou.

Sistema eléctrico

Carril chamou o Goberno a unha intervención pública decidida no sector eléctrico "para fixar unha tarifa que poida garantir unha vida digna e o desenvolvemento dunha actividade económica, social e industrial que cree postos de traballo e que permita o desenvolvemento dun proxecto de vida".

Lembrou que "existen mecanismos legais para facelo", polo que instou á creación dunha tarifa especial coa fixación dun prezo de referencia para que o custe final de consumidores domésticos e profesionais que teñen unha potencia contratada entre os 10 e os 15 kw/hora, que oscile entre os 10 e os 60 euros por megavatio hora. A súa proposta tería unha duración de 24 meses, revisábel cada tres, até a estabilización dos prezos dos últimos anos, precisou.

Neste sentido, reclamou unha Tarifa Eléctrica Galega mediante a eliminación do pagamento da peaxe de transporte e aplicando unha redución de 10% da tarifa mensual a quen teña o seu domicilio na Galiza e pediu modificar o sistema tarifario, limpando a factura dos cargos sen relación directa co funcionamento do sistema.

Salarios dignos

A estas medidas o sindicato nacionalista suma outras destinadas a garantir salarios dignos, como fixar o SMI en 1.167 euros ao mes -60% do salario medio do Estado español, tal como recomenda a Carta Social Europea-, que os incrementos salariais se sitúen nos 1.226 euros/ano lineais, incluír en todos os convenios a cláusula de revisión salarial con carácter retroactivo conforme ao IPC interanual acumulado e que se aproben as medidas necesarias para que as auditorías retributivas e os plans de igualdade sexan unha realidade de obrigado cumprimento.

Sobre o incremento do Ingreso Mínimo Vital, Carril cuestionou o carácter limitado desta axuda e pediu que se estabeleza unha renda de inserción laboral e social na mesma contía do SMI para as persoas maiores de 18 anos que non cobren ningún tipo de prestación económica. 

ERTE

No ámbito laboral, ante a previsíbel proliferación de ERTE, e co obxectivo de salvagardar os empregos e as condicións laborais e retributivas, a CIG defende que se prohiba que as empresas poidan compaxinar a aplicación dunha regulación temporal con outras medidas de recorte.

Comentarios