Perdéronse 8.000 empregos desde os 90

A CIG esixe a entrada da Xunta nos estaleiros e un fondo de compensación para os traballadores

Desde os anos 90 só a ría de Vigo perdeu 8.000 empregos directos no sector naval. Son cifras do Ministerio de Economía achegadas pola CIG, que encetou unha campaña para esixir a entrada da Xunta nos estaleiros e para conseguir un fondo de compensación para os operarios e operarias do sector.

[Imaxe: Wikipedia] Instalacións de Vulcano
photo_camera [Imaxe: Wikipedia] Instalacións de Vulcano

Nun contexto en que se fala de “reconversión encuberta” no sector naval, a CIG pon en marcha unha campaña na que esixe a entrada da Xunta nos Consellos de Administración dos estaleiros nos que se investiron cartos públicos, como Vulcano e Barreras.

O outro eixo principal da campaña é a creación dun fondo de compensación económica para os traballadores e traballadoras. O obxectivo pasa por garantir as prestacións económicas, as perdas sufridas entre os anos 2008 e 2015, as cotizacións á Seguridade Social, a revalorización das bases de cotización das pensións existentes e futuras e a reposición das prestacións e subsidios de desemprego.

O sector emprega a día de hoxe 1.400 persoas, fronte as máis de 10.000 que empregaba na década dos noventa

Os números falan

Segundo as últimas cifras do Ministerio de Economía, o naval da ría de Vigo perdeu máis de 8.000 postos de traballo directos desde os anos noventa. E o panorama vai a peor: entre 2015 e 2016 o sector destruíu máis de 500 empregos. Así, o sector emprega a día de hoxe 1.400 persoas, fronte as máis de 10.000 que empregaba na década dos noventa, cando xeraba o 30% da riqueza na comarca de Vigo e representaba o 41% da construción naval do conxunto do Estado.

Factorías Vulcano é un exemplo paradigmático do que vén sufrindo o naval durante estes anos. Mentres que nos noventa empregaba 1.100 persoas, na actualidade dálle traballo a menos de 90. Isto débese á aplicación de continuos ERE desde 2011. Precisamente desde ese ano non ten ningunha contratación de buques.

A situación do naval tamén lles afecta aos outros principais estaleiros de Vigo: Barreras e Metalships, sen contratacións desde hai anos debido á anulación do tax lease e da falta de financiamento após a desaparición de Pymar.

Desleixo da Xunta e do Goberno central

A CIG culpa a Xunta e o Goberno central da situación do naval. Acusa os respectivos Gobernos de falta de interese. Tamén responsabiliza á xestión deficiente por parte das empresas, por non teren a iniciativa necesaria para buscar novos contratos. Os verdadeiros damnificados son, segundo a CIG, os propios traballadores, que soportan despedimentos e ERE temporais e suspensivos que acabaron por converterse en extintivos.

No caso de que a Xunta faga oídos xordos á proposta da CIG, a central sindical nacionalista avanza que convocará un calendario de mobilizacións.

Comentarios