Responsabiliza ao acordo sindicatos estatais-Goberno do PP

A CIG Ensino denuncia a perda de poder adquisitivo do profesorado

Algúns dos acordos pechados polo Goberno de Raxoi antes da súa estrondosa caída comezan a deixar ver as súas consecuencias. Por caso, o pacto entre sindicatos estatais e o executivo do PP relativo á desvinculación de salarios e IPC acadado na Mesa Xeral de Negociación do Estado. Del derívase, denuncia CIG-Ensino a perda de poder adquisitivo do porfesorado.
 

CIG ensino
photo_camera Protesta contra as retalladas no ensino público galego. Foto: cedida.

“Á perda de poder adquisitivo acumulada desde o ano 2010”, sinala a central nacionalista, “vén sumarse agora unha nova desviación derivada dese acordo, que xa supón unha perda do 0,8% en seis meses”. Segundo os datos manexados na CIG, entre 2010 e 2018, os e as ensinantes viron como a súa capacidade adquisitiva se reducía un 14%.

O sindicato traza a historia destas conclusións. Na Lei de Orzamentos do Estado para 2018 fixábase un incremento salarial para o persoal do sector público do 1,5%. Agora que o dato do IPC interanual acumulado xa é público, un 2,3%, a CIG-Ensino “constata o que xa prevía cando rexeitou o acordo na Mesa Xeral: que era un pésimo precedente desvincular os salarios do IPC”.

A central maioritaria no ensino galego culaifica ademais de “pequeno aguinaldo” a suba do 0,25% programada para a segunda metade do ano. “A suba anual ficará no 1,62%, cando todas as previsións din que a finais de ano o IPC superará o 2%. “A perda de poder adquisitivo consolidarase se non rachar antes o acordo estatal”, indica a CIG.

Plan de recuperación


O sindicato nacionalista quere ao respecto formularlle á nova ministra de Facenda, María Jesús Montero, “un plan de recuperación de poder adquisitivo”. Para iso, entede, cómpre desmontar o acordo asinado por CC OO, UGT e CSIF con Montoro.

O proxecto da CIG pasa por blindar calquera acordo cunha clausura de revisión salarial que impida subas salalarias por baixo do IPC. “Hai que botar por terra o principal logro do Goberno do PP, alegremente subscrito polos sindicatos estatais, e que ataba as subas salarias ao crecemento do PIB”, critica. Ademais, a central nacionalista asegura que é “fundamental revisar o acordo e conseguir unha auténtica recuperación salarial despois de nove anos de sangría” e manterá a súa oposición ao límite do 0,3% que o Estado permite ás outras administracións para mellorrar “o raquítico acordo estatal”.

“A Xunta debe eliminar o tope e asumir unha negociación que nos leve á recuperación das retalladas que a propia Xunta converteu nas maiores do Estado”, conclúe, “e que, no caso do profesorado, permita afrontar unha negociación real afastada da fraude que supuxo a oferta da consellaría a finais deste curso”.

Comentarios