CIG eleva a 487 os postos de traballo que o ERE do Santander “destruirá” na Galiza

Afirma que desde marzo o banco amortizou xa 216 postos no noso país.

Banco de Santander
photo_camera Banco de Santander

O Banco Santander anunciou na primeira xuntanza de negociación do ERE a súa intención de fechar na Galiza 135 sucursais (das 401 existentes) e de destruír 271 postos de traballo, que supón 14%. A data prevista de finalización do ERE é o 31 de marzo de 2020, aínda que a maior parte das medidas estarán aplicadas a 31 de decembro deste ano.

A sección sindical da CIG-Santander denuncia que o banco “obvia interesadamente que a 31 de marzo de 2019, o total do cadro de persoal en Galiza era de 2.132 persoas, que a propia empresa estivo a ofrecer prexubilacións dende o mes de marzo e que, como consecuencia destas, xa levan amortizados 216 postos de traballo aquí”.

Deste xeito, sinala o sindicato, ao final do proceso, “estariamos falando da destrución de 487 postos de traballo no noso país, case 23%”.

Estes despedimentos e feche de sucursais na Galiza é chover sobre mollado. Entre 2008 e 2018 na Galiza desapareceron máis de mil sucursais bancarias, proceso que se deu da man do proceso de centralización e concentración bancaria así como do impacto das novas tecnoloxías e a banca e dos trámites por internet. Nunha década desapareceu 40% da rede bancaria na Galiza, segundo os dados recentemente publicados polo Banco de España.

Entre 2008 e 2016, o número de persoas en situación de exclusión financeira aumentou na Galiza en 49%, 15 puntos por riba da media española, que é de 34%

Comentarios