Os bancos restrinxirán servizos á clientela

A principios deste ano, a maior parte das entidades financeiras comunicaron que, ao longo do mesmo, "restrinxirían os servizos de caixa" a partir das 11 horas da mañá, un plan previo á situación xerada pola pandemia. "Unha restrición de servizo á clientela, que debería ser investigada por se atenta contra os dereitos  das  persoas consumidoras", di a CIG.

Estudantes facendo cola no Banco Santander para obter a TUI da USC Imaxe de Anega
photo_camera Estudantes facendo cola dun Banco en Compostela (Foto: Anega).

Durante o estado de alarma e incluso durante o período de hibernación da economía, os servizos financeiros foron considerados esenciais. Malia todo, a maior parte dos bancos manteñen a súa intención de restrinxir os servizos de caixa das oficinas, que deixarían de prestar servizo á clientela que o demande a partir das 11 da mañá.

"Unha nova restrición que afecta en maior medida as persoas con dificultades para o uso da banca electrónica ou incluso dos caixeiros, nomeadamente as persoas maiores. A fenda dixital pode levar a marxinación financeira", denuncia a CIG.

"Estas restricións dos servizos -apunta o sindicato- non teñen que ver coa dixitalización, que é un medio, senón cun novo modelo de sistema financeiro que, no canto de dar servizo, está centrado na colocación de produtos financeiros cada vez máis complexos".

A CIG tamén critica a configuración dun modelo de organización do traballo por obxectivos que é "claramente lesivo" para os cadros de persoal das entidades e para a clientela. 

A posta en marcha das restricións de servizo ao mesmo tempo por parte da maioría dos bancos, coincidindo incluso no horario das restricións, apunta a existencia dun "pacto", que a CIG entende debería ser investigado tanto polos Organismos reguladores, coma polas Autoridades de consumo.

Nese senso, a CIG demanda que a Xunta da Galiza e o Goberno Central poñan en marcha medidas inmediatas para garantir os servizos financeiros nas oficinas. 

Comentarios